O valor engadido dos produtos da terra encóntrase na súa elaboración

0

A Casa da Cultura acolleu o venres a primeira das charlas de presentación do proxecto A Fusquenlla, compartido por San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño co obxectivo de poñer en marcha o centro de transformación agroalimentaria situado no recinto feiral de San Ramón. O novo servizo funcionará como espazo para a elaboración e envasado de produtos da horta, froita, zumes e meles, pero tamén como punto de encontro coa formación e a posta en común de ideas que contribúan ao desenvolvemento rural. Para o ciclo de presentacións -financiado pola Consellaría do Medio Rural- os catro concellos convidaron ao cociñeiro eumés Antonio Díaz, quen incidiu en que o principal valor engadido dos produtos da terra está, precisamente, na súa elaboración.

Díaz trouxo para a demostración varios exemplos de hortalizas, froitos e cogomelos conservados ou transformados para alongar no tempo as súas propiedades, ademais de ampliar  as posibilidades de comercialización de produtos que, doutro modo, só terían saída en fresco e con prezos moi inferiores coincidindo coas épocas de maduración ou maior produción.

Durante a charla de Antonio Díaz -quen leva anos apostando polos alimentos de proximidade- tamén se puideron probar petiscos moi saborosos feitos con materia prima preservada da nosa zona. O cociñeiro sinalou que A Fusquenlla ofrece unha grande oportunidade para todas estas elaboracións. Unha oportunidade que se debe aproveitar enchendo as súas instalacións de actividade e de propostas innovadoras.

Neste primeiro encontro -ao que asistiron 25 persoas- tamén interviu o concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, para contar a historia dun proxecto que comezou a xestarse hai uns seis anos en San Sadurniño e que puido concretarse en instalacións do Concello de Moeche, coa implicación tanto do municipio veciño como dos de Cerdido e Valdoviño. Entre obras e equipamento -que aínda se agarda ampliar no futuro- investíronse arredor de 250.000 euros, achegados polo programa europeo Leader -a través do GDR Seitura 22-, a Deputación da Coruña e a Consellaría do Medio Rural.

Varela incidiu no mesmo que dixo Antonio Díaz, na liña de que cómpre poñer a funcionar un centro que puido levarse a cabo gracias á iniciativa pública porque, segundo asegurou o concelleiro, “sería moi difícil” que algunha explotación da zona puidese asumir o investimento necesario para poñer en marcha unhas instalacións deste tipo.

Manolo Varela aclarou que, unha vez definido o plan de usos e o modelo de xestión, A Fusquenlla estará aberta á transformación das producións ou excedentes das pequenas explotacións da zona e incluso ás que queiran traballar alí as persoas particulares, xa sexa para venda ou para autoconsumo.

A este respecto, tal e como comentou o técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, o futuro servizo de ámbito comarcal contará con rexistro sanitario, de modo que os produtos sairán das instalacións con todas as garantías hixiénicas e de trazabilidade esixidas pola normativa de Seguridade Alimentaria.

Un proxecto en territorio xeoparque
A produción d’A Fusquenlla tamén levaría a marca do Xeoparque do Cabo Ortegal (de momento aínda proxecto), que lle conferiría aos elaborados unha identidade de seu “vencellada ao territorio”.

Segundo explicou Fernández, o distintivo axudaría a abrir novos mercados ou posicionar mellor os produtos, ademais de estar contribuíndo á estratexia de desenvolvemento que promoven estas figuras da UNESCO.

Visitas guiadas
O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla poderá visitarse os días 11 e 23 en que hai de feira en Moeche, anotándose no posto informativo que estará instalado na Nave do Mercado. Haberá dous percorridos , un ás 11:00h e outro ás 12:00h., guiados por Xosé María García, quen se está ocupando de coordinar o plan de difusión.

Cómpre recordar tamén que aínda quedan outras tres xornadas de presentación como a de hoxe, todas en venres e todas ás 18:00h. As datas son as seguintes:

  • Venres 29 de outubro, Casa da Cultura de Valdoviño
  • Venres 12 de novembro. Nave do Mercado de Moeche (con visita guiada ao remate)
  • Venres 19 de novembro. Casa da Cultura de Cerdido

Ademais, o venres 5 de novembro está prevista unha visita ao Centro de transformación alimentaria de Brión, incluído como o de Moeche na rede de espazos de traballo colaborativo da Deputación da Coruña

Para asistir as charlas de Antonio Díaz e á visita ao centro de Brión hai que inscribirse antes no formulario publicado na web www.afusquenlla.gal.

Share.