O Trofeo municipal de fútbol queda outro ano en Naraío

0

Día de derbi local en San Sadurniño coa disputa do XXVI Trofeo de fútbol que enfrontou aos dous equipos do municipio, a UDC Narahío, que xogaba como local coincidindo coas festas do San Roque na parroquia, e o CF San Sadurniño. Tal e como se agardaba houbo competitividade e deportividade a partes iguais, con dúas formacións en fase de rodaxe de cara ao comezo ligueiro que saltaron ao terreo de xogo para dalo todo. Forzas moi igualadas que, porén, se decantaron en favor do Narahío, que rematou o partido con 3 goles fronte ao da honra marcado polos seus rivais. E por terceiro ano consecutivo, o trofeo quedou no local da Veiga. 

O trofeo tivo unha primeira parte máis ben aburrida cos dous equipos movendo balóns no centro do campo e escasas incursións no terreo contrario, que foron máis numerosas para o Naraío. De feito, o primeiro gol -obra de Serxio García- non chegaría até o minuto 46 da primeira parte.

O tanto adiantou ao Naraío xusto antes do pitido que marcou a retirada a vestiarios. Á volta, coas pilas recargadas, o San Sadurniño mostrouse máis combativo na defensa e tamén máis incisivo no ataque. Aos 16 minutos de comezar a segunda parte os locais volveron marcar -2 a 0-, sen que por iso decaese a moral da escuadra laranxa. De feito, tan só dous minutos despois conseguirían facer o propio vencendo os tres paus defendidos polo veterán Javi.
A partir de aí, coa sobredose de moral de ter roto a defensa do Narahío, o Sansa teimou máis nun ataque que, porén, non lle deu resultados. Os da casa tardarían exactamente dous minutos en volver marcar. 3 a 1 que xa non mudaría nos 20 minutos que quedaban de partido, cando se viviron os momentos máis intensos con loitas corpo a corpo que caldearon o ánimo aínda que sen chegar a máis.
Partido de máxima rivalidade que se volveu resolver, unha vez máis, en favor da UDC Narahío. Ambas formacións loitarán no mesmo grupo da liguiña ferrolá na temporada da 2ª Autonómica que comeza a mediados de setembro.
Share.