O trofeo de fútbol municipal marcha a Ferrol e a Moeche

0

Naraío acolleu este domingo, último día do San Roque, a disputa do 31º Trofeo de fútbol Concello de San Sadurniño.  Un trofeo que desde o ano pasado se xoga cun partido feminino e outro masculino. Nesta edición, o trofeo abrírono pola mañá as cadetes da SD Narón e o Racing de Ferrol, mentres que á tardiña foron o Narahío e o Moeche de segunda autonómica quen se mediron na herba da Veiga. 

No encontro da mañá, disputado a partir das 11:30h, o equipo racinguista mostrouse moi superior ao Narón, tal e como testemuña o avultado marcador de 8 goles a 0 favorable ás mozas ferrolás. A pesar de que a formación naronesa creou varias oportunidades, non foi capaz de convertelas en gol, nin tampouco de frear as embestidas deportivas do Racing, moito máis asentado no campo e cun xogo máis coordinado.

Pola tarde tocoulles a vez á UDC Narahío, equipo anfitrión do trofeo, e á ADC Moeche. Ambas escuadras ofreceron un espectáculo intenso que, porén, non se traduciu nos goles que cabería agardar. A placa conmemorativa foi, finalmente, para terras modestinas e polo tanteo mínimo de 0-1.
Share.