O Tempos para compartir volverá o sábado 21 cun obradoiro fotográfico

0

Malia que aínda queda máis dun mes para o Día das Mulleres Rurais, que se celebra o 15 de outubro, desde a área de Igualdade do Concello xa están a preparar o obradoiro que servirá como base para unha exposición fotográfica participativa, principal actividade desa xornada. O actor e colaborador do Chanfaina lab Kevin Lorenzo será o encargado de dirixir esta nova edición de Tempos para Compartir que terá lugar nos Xardíns municipais o sábado 21 de setembro a partir das 11:00h. As prazas son limitadas e hai que apuntarse no 695 876 178 ou no correo oriana.lopez@sansadurnino.gal.

O obradoiro non é un taller de fotografía ao uso, senón que se inspira na idea de Carla Vázquez (@chuchameles en redes sociais) de quitar unha foto da súa propia man suxeitando unha foto vella sobre o lugar orixinal onde se tomou, facendo que os ángulos cadren para integrar a imaxe antiga dentro da escena do presente.

Kevin Lorenzo explicaranos como facer estas fotos, para as que só que só se precisa unha cámara ou un móbil (se teñen boa resolución, mellor). Unha vez que lle teñamos collido o truco, poderemos replicar a técnica sacando as nosas propias instantáneas de fotos antigas superpostas nos escenarios actuais, co obxectivo de reflectir a vida no rural das nosas veciñas. Feito isto, enviaremos as imaxes a Igualdade con unha ou dúas frases que expliquen a historia detrás da foto.

É recomendable que a foto sexa o máis antiga posible para que se vexa mellor o contraste entre o de antes e o de agora. Con todo, se non se dispón dunha demasiado vella valerá con sacar a foto doutra escena menos antiga que permita apreciar igualmente o paso do tempo.

Tanto para apuntarse ao obradoiro como se algunha persoa quere participar na exposición do mes que vén e non pode asistir ao taller de Lorenzo, pode pedir información no número 695 876 178 ou no correo oriana.lopez@sansadurnino.gal, que será tamén o mail ao que haberá que enviar as imaxes coas frases explicativas non máis aló do 8 de outubro.

Share.