O SERGAS convoca a un cribado a toda a rapazada de 12 a 17 anos

0

A plataforma Abalar da Consellaría de Educación enviou un aviso a todas as familias do CPI de San Sadurniño informándolles de que a partir deste luns se poderán recoller nas farmacias adheridas -entre elas a de San Sadurniño- os tubos para participar nun cribado masivo mediante saliva que se vai desenvolver entre a rapazada de 12 a 17 anos (ambas idades incluídas). A finalidade desta proba, que é voluntaria e totalmente gratuíta, é detectar posibles casos asintomáticos de COVID-19. Vexamos como vai ser a cousa:

En que consiste o cribado?
O obxectivo deste cribado, xa o dixemos, é facer unha detección temperá de posibles positivos asintomáticos, de cara a atallar a posibilidade de que xurdan gromos da proboación máis nova. O que se fará é un test mediante a recollida de mostras de saliva nuns pequenos tubos de ensaio que levan dentro un líquido conservante.

Onde collo os tubos?
Os tubos para a mostra poderán recollerse a partir deste luns 19 de abril na farmacia de San Sadurniño, onde se entregarán e recollerán 10 ao día, ou en calquera outra que estea adherida a esta campaña do SERGAS (terán un cartel identificador na porta). Será necesario presentar a tarxeta sanitaria do rapaz ou rapaza que vaia participar no cribado (insistimos, é voluntario… pero moi recomendable) e que esta estea en activo.

Quen poden retirar os tubos e que datos hai que facilitar?
Os tubos poden ir recollelos tanto as nais, pais, titoras/es ou acolledores/as, como a propia rapazada. En calquera caso deberase presentar a tarxeta de cada participante na proba, xa que unha mesma persoa pode pedir os tubos para todas as fillas ou fillos. Ademais tamén se deberá facilitar un teléfono de contacto e asinar un consentemento informado. No caso dos e das menores de 12 a 15 anos o teléfono deberá ser obrigatoriamente o da nai/pai/titor/a quen, ademais, deberán ser quen firmen a folla de consentemento. A mocidade de 16 e 17 anos poderá asinar ela mesma e tamén poderá deixar o seu propio teléfono de contacto. Por outra banda, aínda que o SERGAS tramitou o aviso a través da plataforma Abalar da Consellaría de Educación, os tubos tamén poderán solicitalos mozas e mozos que non estean matriculados no CPI.

Quen non poden participar no cribado?
Nas probas non poderán participar as mozas e mozos que desen positivo nos últimos 3 meses. Tampouco poderán participar quen fixesen unha proba PCR nos 15 días anteriores, quen teñan contacto estreito con algún caso en seguemento ou quen presente síntomas coincidentes cos da COVID-19 (neste último caso hai que informar ao médico de cabeceira ou chamar ao 900 400 116 para iniciar o protocolo de seguimento)

Como se recolle a mostra? (isto é fundamental)
Os tubos poden retirarse en calquera momento ao longo do día, pero a mostra propiamente dita haberá que tomala na casa nos días posteriores. Con cada tubiño van unhas instrucións moi sinxelas e claras sobre como facer unha recollida correcta:

  • A mostra de saliva hai que botala no tubo pola mañá inmediatamente despois de erguerse da cama e, moi importante, completamente en xexún. É dicir, antes de tomar a mostra  non se pode beber (nin sequera auga), non se pode almorzar, tampouco limpar os dentes, nin moito menos fumar/vapear… nin facer nada que poida distorsionar o resultado da análise posterior.
  • A mostra ten que ser o máis limpa posible, debe ir unicamente saliva e, polo tanto, non se pode “arrancar” do peito ou do nariz para encher o tubo. Abonda con chuchar do interior das fazulas e cando xuntemos unha pequena bocada de saliva, vertela directamente no interior (sen cuspila, para que non vaian burbullas) ata chegar á marca indicadora, valéndose para iso do pequeno embude que trae o propio tubo.
  • Finalmente haberá que retirar o embude, poñerlle a tapa e axitalo uns segundos para asegurar que a saliva se mestura co líquido conservante que hai no interior.

Onde entrego despois o tubo? (segunda cuestión importantísima)
Unha vez recollida a mostra de saliva haberá que levar o tubo de novo á farmacia e, aí vén o importante, haberá que facelo antes das 10.30h. da mañá dese mesmo día xa que é a esa hora cando pasa o transporte diario para levalas ao laboratorio en que serán analizadas. Repetimos: o tubo pode ir buscarse á farmacia a calquera hora, pero a mostra hai que recollela ao día seguinte a primeira hora da mañá en xaxún e entregala ese mesmo día antes das 10.30h. na farmacia.

É importante tamén que os tubos recollidos na farmacia o venres non se poderán entregar o sábado, senón que haberá que agardar ao luns para tomar a mostra e levala á farmacia antes da hora indicada.

E despois, que?
A mostra será analizada e o resultado -positivo/negativo- será comunicado de alí a uns días por SMS ao teléfono que se facilitase no momento de recoller o tubo na farmacia. Se é negativo, só recibiremos a mensaxe no móbil… pero se é positivo, o SERGAS contactará directamente coa familia para facer unha segunda proba e, de confirmarse o mesmo resultado, iniciarase o protocolo sanitario de control e seguemento do caso.

 

Share.