O Rally de Ferrol pasa este sábado por Igrexafeita e Ferreira

0

Varias pistas da comarca verán pasar este venres e sábado a 52ª edición do Rallye de Ferrol que, un ano máis, prevé no seu programa horario un tramo en San Sadurniño que cruzará desde Igrexafeita até As Somozas pasando por Ferreira. O tráfico estará cortado no trazado desde as 9.05h até as 16.50h do sábado, permitíndoselles ás persoas residentes entrar ou saír entre as 11.45 e as 13.45h., sempre e cando o fagan seguindo o sentido do tramo e comunicándoo con antelación no 676 857 909. En canto á seguridade débese ter en conta que os equipos tamén farán recoñecementos o xoves entre as 9.00 e as 22.00h., aínda que sempre cumprindo coa normativa de circulación e sen que sexa necesario interromper o tránsito de vehículos.

O paso por San Sadurniño encádrase na segunda etapa dunha proba puntuable para o Súper Campionato de España de Rallyes e terceira cita do Tour European Rally. Aquí haberá dúas seccións, unha a primeira hora da mañá e outra a primeira hora da tarde, que en ambos casos comezarán na Penalonga, en Igrexafeita, desde onde os coches iniciarán un vertixinoso descenso pasando pola Fraga -Ferreira- ata preto dos Pontigos, onde retomarán a subida con rumbo a Cadavás.

Cruzarán a estrada provincial practicamente no aire, collendo despois un anaco de pista municipal que, poucos metros máis adiante, levará os vehículos de novo á vía da Deputación, por onde continuarán até o cruzamento da Santa (A Leiriña). Nese punto virarán á esquerda e encamiñaranse a Santiso e As Filgueiras seguindo un itinerario moi rápido e técnico en baixada.

Tras coller á dereita nas Filgueiras subirán de novo con rumbo ao XestalSan Cristovo e a Chabola, lugar predilecto para o público por estar alí unha das curvas clásicas da cita. Nese punto enlazarán cun descenso acusado até Amido,  lugar de Igrexafeita no que o rally abandonará territorio de San Sadurniño para entrar na súa segunda metade  xa en pistas das Somozas.

A circulación para o tráfico rodado cortarase en todo ese percorrido ás 9.05h. e non volverá abrir até o remate da segunda volta do rally, a iso das 16.50h. Porén, no intervalo entre pasadas -de 11.45 a 13.45h., aproximadamente- as persoas residentes que non teñan outra alternativa si poderán entrar ou saír en caso de necesidade (recoméndase non facelo) seguindo o sentido do tramo e comunicándollo á organización antes deste venres, algo que se deberá facer contactando co 676 857 909.

Recomendacións
Desde o Concello recoméndase seguir os consellos de seguridade da organización, nomeadamente no referido a zonas prohibidas para o público, que estarán debidamente sinalizadas. Lémbrase, ademais, que este xoves 19 será o segundo día sinalado para que os equipos inspeccionen o tramo. Poderán facelo durante toda a xornada, de 9 a 22.00h, respectando en todo caso a normativa de circulación e tendo a mesma precaución que calquera outro vehículo que transite pola zona.

Por outra banda, o Concello insiste en que o día do rallye se extreme o coidado nas estradas e nos accesos aos puntos de maior interese, como pode ser a famosa curva de Ferreira. Outra petición que se fai ten que ver máis co civismo: non deben deixarse tiradas máscaras, panos desbotables e outros tipos de lixo por razóns obvias e, ademais, porque a práctica totalidade de lugares reservados para o público son leiras e montes privados. Tamén se deben ter presentes as medidas preventivas para evitar contaxios, sobre todo a do uso da máscara e a da separación interpersoal.

 

Share.