O Rally Cidade de Narón volverá cruzar Igrexafeita e Ferreira este sábado

0

Hoxe bota a andar unha nova edición do Rally Cidade de Narón, o clásico do motor que chega á súa 37ª edición levando polas pistas de varios concellos da comarca a paixón pola velocidade. San Sadurniño, e máis concretamente as parroquias de Igrexafeita e Ferreira, será un dos municipios de paso da competición cronometrada. No noso territorio disputarase este sábado o tramo Santa Cristina-Ferrol VO, que implicará o peche desde as 11:30h das pistas de Amido, a Chabola, San Cristovo, As Filgueiras, Lapas, parte da estrada provincial DP-7601 (desde A Leiriña ata a Chabola) e a que conecta Ferreira de Arriba con Souto Calvo. O tramo, no que haberá dúas pasadas, non volverá abrirse ata aproximadamente as 17:30h.

Santa Cristina-Ferrol VO arranca nas Somozas, aínda que non tarda practicamente nada en entrar por Amido en territorio de Igrexafeita, para encamiñarse por unha subida chea de voltas cara ao Hedreiro, A Picheira e a Chabola, previa conexión coa estrada da Deputación nunha das curvas máis espectaculares -e máis concorridas- do rally.

Desde a Chabola, a proba proseguirá cara a San Cristovo e baixará ata As Filgueiras por unha pista moi técnica que desemboca preto do límite con Moeche. Nese punto remontarase de novo a aba do monte con destino ao cruzamento da Santa -A Leiriña-, onde se volve entrar na estrada provincial DP-7601 con destino á Chabola. Unha vez neste núcleo, o rally xirará á dereita xusto despois do bar para encamiñarse a Ferreira de Abaixo por unha pista estreita e certamente rápida ata chegar ao desvío dos Pontigos, onde os coches deberán coller á esquerda con destino a Souto Calvo.

A distancia total son 14,9 km, case todos en territorio de San Sadurniño, que se farán dúas veces, a primeira a iso das 12:30 e a segunda a partir das 15:45h, aproximadamente. Por razóns de seguridade, todo ese trazado quedará cortado ás 11:28h e non volverá abrirse ao tráfico ata as 17:30h ou ata que o indique a xefatura da proba.

O rally é puntuable para o Campionato de España e sumará 418 quilómetros, case 120 deles cronometrados. Nel inscribíronse 83 participantes que buscarán facer os mellores tempos por pistas de San Sadurniño, Narón, Moeche, Cerdido, As Somozas e Valdoviño.

Desde a organización e desde o Concello prégase que se atendan ás recomendacións de seguridade á hora de acceder aos tramo e de elixir os lugares para seguir a competición, que terá cobertura a través de redes sociais e outros medios, como a radio ou o streaming ao vivo. Toda a información pode atoparse na nova web do rally publicada pola Escudería Siroco, organizadora da cita.

Share.