O proxecto de xeoparque viste de cor a saída do centro urbano de San Sadurniño

0

O artista gráfico Miguel Peralta leva varios días traballando en San Sadurniño na que será a súa próxima obra de arte urbana. Trátase dun mural que ocupará arredor de 40 metros dun muro de contención situado no Outeiro, xusto á saída do núcleo urbano municipal, no que Peralta vai reflectir distintos elementos relacionados coa natureza e o patrimonio. A peza encádrase nun programa creativo promovido polo Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal que se replica nos sete municipios integrantes nesta iniciativa de desenvolvemento local e turístico baseada na riqueza xeolóxica. O proxecto conta os días para que chegue o próximo mércores 24 de maio, data prevista para a 216ª reunión do Consello Executivo da UNESCO na que se aprobará a designación do territorio como un dos 18 espazos mundiais que se incorporarán este ano á exclusiva rede global de xeoparques. 

O mural deseñado por Miguel Peralta céntrase en reflectir algúns dos recursos ambientais e históricos de San Sadurniño, tomando como fío os cauces fluviais do Xubia e do Castro e todo o que ofrecen as súas ribeiras desde o punto de vista natural e humano.

Segundo o artista, a obra combinará distintos elementos, como “animais, plantas e cousas que chaman a atención, non só as máis destacadas e coñecidas”. Peralta explica que o deseño é “un compendio de elementos representativos do territorio que funcionará como un grande mapa, aínda que sen ser un mapa”.

Fauna, patrimonio civil, flora autóctona e auga compoñen unha grande posta en escena que encherá un dos laterais da estrada de Ortigueira preto da rotonda do Outeiro. Son 40 metros de longo en forma de cuña curva que vai variando a súa altura desde os tres metros e medio da zona inferior ata os arredor de dous da parte superior.

A peza de arte urbana virá complementar a situada no arranque de Marqués de Figueroa, xusto á entrada do centro urbano de San Sadurniño en sentido Ortigueira, executada o ano pasado por Carlos García e Marina Goti -2Duendes- cun concepto similar, pero cunha técnica e un estilo totalmente distinto. Peralta conta con ter rematado o seu mural ao longo da semana que vén.

Compás de espera pola decisión da UNESCO
O proxecto decorativo enmárcase nas accións conxuntas de dinamización e posta en valor do territorio que desenvolve a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, da que San Sadurniño forma parte xunto con Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira e Valdoviño, coa colaboración da Área de Turismo da Deputación da Coruña.

A entidade supramunicipal ten marcada no calendario a data do próximo mércores 24 de maio. Ese día, a partir das 10 da mañá, está previsto que se celebre en París a 216ª reunión do Consello Executivo da UNESCO.

No punto sétimo da orde do día da xuntanza vai a epígrafe de que o máximo órgano “faga súas” as novas designacións propostas en decembro pasado polo Consello dos Xeoparques Mundiais, entre elas a do Cabo Ortegal. Deste modo, a nosa zona pasará integrarse na rede global xunto con outros 17 territorios aspirantes de todo o mundo. Será o único xeoparque declarado este ano en todo o Estado e o segundo co que contará Galicia (o outro é Montañas do Courel).

Trala ratificación haberá 195 espazos de 46 países co título UNESCO Global Geopark, un selo ao mesmo nivel que o de Patrimonio da Humanidade pero, se cadra, aínda máis exclusivo polo longo camiño que se debe percorrer antes de conseguilo -os concellos implicáronse na idea hai case oito anos- e polas rigorosas condicións que se deben cumprir para mantelo, posto que o distintivo se concederá para o período 2023-2027 e será necesario superar unha nova inspección internacional de reválida ao final dese período.

 

Share.