O programa europeo ECMYNN celebra en Grecia o seu segundo encontro transnacional

0

O ECMYNN -Enhancing Competences to Meet Young Neet’s Needs- é un proxecto europeo enmarcado no ERASMUS+ co que se busca mellorar as competencias do persoal técnico e das entidades que traballan en relación coa mocidade que nin estuda nin traballa. O seu obxectivo inicial é facer unha diagnose das necesidades desta parte da poboación europea, estimada nuns 14 millóns de persoas con idades comprendidas entre os 15 e os 29 anos, para definir a partir delas métodos de traballo e acompañamento que lles axuden a acceder ao mercado laboral. Do ECMYNN forman parte entidades de cinco países que durante esta semana manteñen na cidade grega de Patras o segundo encontro transnacional de coordinación do proxecto.

A iniciativa desenvólvese coa participación de organismos de Italia, Polonia, Romanía, Grecia e España, que ten como único representante no ECMYNN ao Concello de San Sadurniño. Na primeira xuntanza de coordinación, celebrada en Italia o ano pasado, marcáronse as liñas de traballo e as responsabilidades de cada unha das entidades, centradas en grande parte na recopilación de datos estatísticos e na elaboración de documentación que permita definir máis en detalle cal é o perfil e cales son as necesidades concretas do que comunmente se coñece coa palabra castelá “nini”.

Entre o luns e o venres desta semana o persoal técnico relacionado co proxecto encóntrase en Patras para por en común os resultados da diagnose da realidade sociolaboral deste colectivo e coñecer experiencias de dinamización da mocidade. Nas xornadas onde San Sadurniño participa a través dos responsables de Orientación laboral, Desenvolvemento Local e da Aula CeMIT, tamén se avanzarán as liñas mestras dun novo modelo de atención que, unha vez validado na próxima xuntanza transnacional, se porá a proba en cada un dos territorios implicados no ECMYNN. E é que a finalidade última do proxecto é crear pautas de traballo sistematizadas das que poidan botar man en toda Europa tanto entidades como persoas que teñan entre os seus cometidos o apoio á mocidade na busca de emprego ou na mellora da súa formación.

Todo o proxecto ECMYNN está financiado pola Unión Europea a través do programa Erasmus+ baixo a coordinación da Comunidade de San Giovanni Teatino (Italia), que é quen encabeza a iniciativa. Canda ela participan Cáritas arquidiocesana de Gdansk (Polonia), o Lifelong Learning Centre Atom de Patras (Grecia), o Lynx Territorio Sociale (Italia), o Concello de San Sadurniño e a asociación Ascetis de Romanía que, precisamente, será a encargada de organizar na cidade de Piatra Neamt o encontro de peche do proxecto en decembro deste mesmo ano.

Share.