O programa “A Administración cerca de ti” ofrecerá a oportunidade de obter no momento o certificado dixital da FNMT

0

O Ministerio de Política Territorial traerá este mércores 8 de marzo á Casa da Cultura a charla “A Administración cerca de ti” para explicar as vantaxes da Carpeta Cidadá, onde se recollen todos os servizos en liña que ofrece a Administración Xeral do Estado e onde, desde un único sitio, se poden facer xestións e consultar unha chea de datos. A sesión, que non require inscrición previa, comezará ás 11:30h e nela as persoas asistentes poderán solicitar no momento o seu certificado electrónico, que serve para facer trámites sen moverse da casa coas administracións estatais, pero tamén co Concello, a Xunta, a Deputación e calquera outro organismo público.

É importante non deixar pasar a charla polo que nela se nos vai explicar e, sobre todo, porque será unha boa oportunidade de conseguir o certificado dixital contando coa axuda de profesionais que nos ensinarán a usalo, así como todas as posibilidades que nos ofrece para facer trámites de maneira máis rápida e cómoda.

Para obter o certificado da FNMT é necesario acudir á charla levando o DNI en vigor e dispor dunha conta de correo electrónico para que nos envíen a ela o arquivo e o código de verificación, polo que tamén fará falla que as persoas interesadas poidan entrar no correo desde o móbil e completar o proceso xa no momento. 

Se non se ten correo electrónico pode levarse unha memoria USB para descargar e gardar nela o certificado. O persoal enviado polo ministerio estima que esta parte da sesión leve uns 15 minutos por persoa.

Unha vez dispoñamos do certificado poderemos utilizalo na Carpeta Cidadá da Administración Xeral do Estado e nas sedes electrónicas de calquera organismo público, tamén na do Concello de San Sadurniño, da Xunta ou da Deputación.

Share.