O pleno votará esta tarde a integración de San Sadurniño na Rede de Municipios pola Agroecoloxía

0

Hoxe, por ser último xoves do mes de setembro, en San Sadurniño toca pleno ordinario. A partir das 19:30h desenvolverase unha sesión que leva na súa orde do día tres puntos dos considerados “de trámite”, entre eles a conta xeral de 2023 ou a información sobre o período medio de pagamento a provedores, e outros dous que, a priori, poden dar de si certo debate. Estes últimos serán a proposta de integración de San Sadurniño dentro da Rede de Municipios pola Agroecoloxía e unha moción presentada polo BNG en rexeitamento dos “taxazos” do canon de SOGAMA, un aplicado xa este ano e o anunciado para 2025, que subirá ata os 108 euros o prezo por tonelada de lixo xestionado. Por tratarse dunha sesión ordinaria, o pleno deste serán tamén incorpora apartado de rogos e preguntas.

A primeira cuestión de relevancia que se tratará no pleno será a aprobación da conta xeral de 2023. Un exercicio que pechou cuns fondos líquidos de 573.977,36€ e uns remanentes de tesouraría para novos investimentos que ascenden a 526.531,13 euros.

Ademais, en relación cos asuntos económicos, noutro dos puntos da sesión tamén se dará conta do período medio de pagamento a empresas e persoas autónomas provedoras do Concello durante o segundo trimestre deste ano. Nese período efectuáronse transferencias por servizos e subministracións por valor de 424.000 euros e o prazo medio desde que se aprobaron as facturas ata que se lle ingresou o importe ás empresas  situouse en 18,44 días, case doce por debaixo do tempo máximo establecido na normativa estatal.

Outro dos asuntos para deliberación e acordo será a proposta do Goberno local de que San Sadurniño pase formar parte da Rede de Municipios pola Agroecoloxía, que agrupa entidades comprometidas coa busca -dentro do seu ámbito competencial- de alternativas produtivas respectuosas co ambiente e sostibles desde o punto de vista económico e social. A rede, da que forman parte concellos e colectivos de todo o Estado, tamén pretende avanzar na soberanía alimentaria e na construción de circuítos de proximidade capaces de abastecer as comunidades locais con produtos saudables, sostibles e variados.

A sesión tamén leva na relación de temas da orde do día unha moción rexistrada polo BNG ao respecto das subas no canon que lles cobra SOGAMA aos concellos polo tratamento do lixo. A empresa participada pola Xunta de Galicia e a eléctrica Naturgy anunciou dous incrementos acumulados, un de aplicación xa este ano e outro para 2025, aos que cómpre engadirlles a eliminación da bonificación que tiñan moitos concellos.

O grupo nacionalista fala dun “sablazo” e “taxazo” de ata un 60%, xa que suporá pasar en menos dun ano de 56 a 108 euros/tonelada nos concellos que tiñan bonificación e de 68 a 108€ nos non bonificados.

Tal e como fixera no pleno celebrado a primeiros de agosto, o BNG volve rexeitar as subas e insta ao goberno galego a que se lle dea unha volta á política de residuos para potenciar a recollida selectiva, a reutilización e a reciclaxe fronte ao “costoso e antiecolóxico” sistema SOGAMA baseado na incineración. Tamén solicita a creación dunha comisión de traballo formada por SOGAMA, as consellarías de Medio Ambiente e Facenda e máis a FEGAMP na que se determinen as condicións do canon para 2025.

Share.