O pleno ordinario deste xoves votará a distribución do POS+ 2022

0

Este último xoves do mes de xaneiro toca pleno municipal ordinario en San Sadurniño, que nesta ocasión leva na orde do día un total de nove puntos sen contar os que poidan proporse como mocións urxentes. Os asuntos máis destacados son a proposta de modificación do ICIO para introducir novas bonificacións, o plan de implementación no municipio dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e, sobre todo, a votación sobre como se distribuirán os fondos do Plan Único da Deputación na presente anualidade. A documentación avanza o desenvolvemento de 14 actuacións de mellora en 7,2 quilómetros da rede viaria municipal, cuantificadas en preto de 522.000 euros (que se financiarían con POS+ e Plan Complementario), ademais doutros 168.000 para gasto corrente e unha partida próxima aos 59.000 -dentro do Plan Adicional coñecido como “POS Social”- para continuar reforzando a área de Servizos Sociais e o Servizo de Axuda no Fogar. A sesión comezará ás 19:30h e poderá seguirse ao vivo a través de Facebook.

A consignación económica dos plans provinciais divídese en tres apartados principais. Os dous primeiros teñen importes fixos, con posibilidade de que os municipios cubran gastos de funcionamento propios e de que executen proxectos financieiramente sostibles dispoñendo dunha contía xa asignada pola Deputación.

Neste sentido San Sadurniño destinará 168.482,73 euros a gasto corrente e outros 128.215,72 á mellora da rede viaria por medio de dous grandes paquetes de obras. Así, o denominado “Pavimentación de camiños na Pereira, a Veiga, as Calvelas e Cornide” reparará catro pistas de Santa Mariña e San Sadurniño que suman no seu conxunto algo máis de 2,5 quilómetros de trazado. O segundo proxecto -que agrupa outras seis pistas de Naraío e Lamas- arranxará camiños en Vilarxá, en parte da subida ao Furado, en Penacastrelo, en Piegolongo e entre Vilar e Felgosa, engadindo outros 2,7 quilómetros ao cómputo xeral de melloras viarias.

Porén, a maiores dos anteriores, o Concello tamén deberá someter a votación plenaria os proxectos susceptibles de acollerse ao Plan Complementario, que prevé novas achegas no momento en que a Deputación libere máis recursos económicos. Por iso require das Administracións locais que teñan xa preparados e aprobados os proxectos, de modo que poidan levalos adiante -sexan todos ou parte deles- tan pronto como se lles confirmen as contías dispoñibles.

Para atender esa previsión, o Concello de San Sadurniño planea catro actuacións orzamentadas nun total de 393.606,33 euros: o aglomerado e a formación dunha senda peonil entre a Chabola e o Chao de San Cristovo (Ferreira), a renovación con ese mesmo firme do tramo comprendido entre a Camba e o límite con Moeche e a reparación das dúas pistas que enlazan a antiga estrada das Pontes co castelo de Naraío.

Poder executar os catro proxectos significaría a reparación doutros 4,5 quilómetros de estradas municipais, elevando o total de melloras viarias con financiamento provincial ata un total de 7’2 quilómetros de distancia repartidos entre as 14 actuación previstas.

POS+ Adicional 1/2022
Ademais dos anteriores programas, a Deputación tamén habilitou os fondos do POS+ Adicional 01/2022 para gasto social. Serán 58.968,96 euros que o Concello dedicará a dous capítulos: ao financiamento de persoal adscrito a Servizos Sociais -17.757,45 euros-e ao reforzo ou ampliación do Servizo de Axuda no Fogar en calquera das súas modalidades. A este último apartado destinaranse 41.211,51 euros.

Outros asuntos do pleno
A orde do día do pleno deste xoves complétase con outras cuestións, como son a votación do Plan Municipal para a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible recollidos na Axenda 2030 da ONU; a modificación da ordenanza reguladora do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (o ICIO) para introducir nela novas bonificacións; a baixa no inventario municipal do antigo tractor de obras e a inclusión no mesmo do novo vehículo que se acaba de mercar e, xa na parte final da sesión, o apartado referido a rogos e preguntas.

 

Share.