O pleno ordinario deste xoves debaterá e votará o Orzamento Municipal de 2026

0

O Concello de San Sadurniño celebrará este xoves, a partir das 19:30 horas, o pleno ordinario correspondente ao mes de maio, unha sesión que terá como principal asunto da orde do día a aprobación inicial do Orzamento Municipal para o exercicio 2026. As contas ascenden a 3.914.639,41 euros, practicamente a mesma contía que no ano anterior. O documento, caracterizado pola “prudencia económica e equilibrio financeiro”, segundo o Goberno local, céntrase no mantemento dos servizos públicos municipais, o reforzo das políticas sociais, culturais e deportivas e nunha importante aposta pola captación de financiamento externo, principalmente da Deputación da Coruña a través das sucesivas inxeccións do POS+ e achegas nominativas. A este respecto, a memoria da alcaldía que se someterá a debate e votación tamén incide na necesidade dunha reforma do modelo de financiamento local e critica a insuficiente participación económica da Xunta de Galicia no sostemento de servizos básicos que, en moitos casos, son da súa propia competencia.

O proxecto orzamentario móvese practicamente nas mesmas cifras totais que o ano pasado -hai pouco máis de 3.500 euros de diferenza respecto de 2025-, o que, segundo avanza o alcalde, “evidencia unha liña de contención e eficacia na xestión dos recursos públicos”. O rexedor municipal destaca que a filosofía das contas continúa baseada na contención do gasto -a pesar da suba xeralizada de prezos-, na procura de cofinanciación doutras administracións e na prioridade de evitar gastos estruturais que poidan depender de achegas alleas, reservando eses posibles excedentes xerados polas axudas doutras administracións a investimentos e mellora de servizos.

No apartado de ingresos, as previsións sitúan os impostos directos en 794.000 euros, mentres que os impostos indirectos ascenden a 60.000 euros e as taxas, prezos públicos e outros ingresos superarán os 437.000 euros. O capítulo máis importante continúa sendo o das transferencias correntes doutras administracións, cunha perspectiva de percibir durante o exercicio arredor de 2.150.000 euros. O Goberno local apunta a este respecto que as ordenanzas fiscais municipais non experimentan modificacións substanciais e que a carga impositiva para a veciñanza só aumentará na medida en que o faga o IPC, “mantendo a política de equilibrio entre a sostenibilidade económica do Concello e a protección da economía das familias”, precisa Secundino García Casal.

Entre as principais partidas de gasto figuran os 1,54 millóns de euros destinados a persoal e os 1,55 millóns consignados para gastos correntes en bens e servizos. Neste apartado destaca o esforzo económico realizado polo Concello para manter “servizos públicos de xestión directa e de calidade”, especialmente no ámbito social, como son o SAF e os programas de educación familiar ou igualdade. A memoria recolle expresamente a intención do executivo de estudar a creación dunha segunda praza de traballadora ou traballador social co obxectivo de mellorar a atención ás persoas usuarias e reducir ratios de carga asistencial.

O documento tamén pon o foco no incremento continuado dos custos derivados da prestación de servizos básicos e denuncia a escasa implicación económica da Xunta de Galicia no seu financiamento. O Goberno local lembra que o Fondo de Cooperación Local “continúa conxelado desde hai unha década” e insiste en que os concellos galegos “levan anos asumindo un incremento constante dos gastos enerxéticos e de funcionamento sen unha actualización real das achegas autonómicas”. Neste sentido, a memoria reivindica novamente un novo sistema de financiamento municipal adaptado ás singularidades e necesidades reais dos concellos galegos.

As críticas á insuficiente cobertura económica da Xunta reflíctense especialmente nos servizos sociais e educativos. O Concello sinala que o Plan Concertado autonómico apenas cobre menos da metade do custo do persoal dos servizos sociais de atención primaria, tendo que asumir a administración local boa parte do gasto restante con fondos propios. Tamén se cuestiona o modelo de financiamento da gratuidade da Escola Infantil, xa que a transferencia autonómica prevista, de 36.000 euros, “queda moi lonxe dos 113.000 euros que custará o servizo este ano, de maneira que será o Concello quen teña que asumir a diferenza económica”.

O Concello volve dotar cunha importante contía o capítulo de transferencias e apoio ao tecido asociativo, reservando para os colectivos que traballan no territorio un montante total de 189.500 euros dirixidos a convenios, subvencións e colaboracións con entidades culturais, deportivas e sociais do municipio. Inclúense neste apartado as achegas nominativas para a Casa do Mel, a AGFA, a Escola de Fútbol Irmandiños, Biela e Chaveta, O Castelo de Narahío ou o Club Aldebarán, ademais de partidas para bolsas de estudo -25.000 euros-, programas sociais, actividades culturais e deportivas -consignáronse 28.000 euros para as axudas en concorrencia competitiva de Cultura e Deportes- ou iniciativas de apoio ao sector primario e á plantación de especies froiteiras e frondosas.

A investimentos reais, o Concello prevé destinar 612.000 euros, dos que máis de 465.000 proceden de subvencións e transferencias doutras administracións. A memoria explica que nas contas non se incorporaron aínda os investimentos vinculados ao POS+ AD2/2026 por atoparse actualmente en fase de solicitude, polo que se acomodarán posteriormente mediante modificación orzamentaria, cando exista confirmación definitiva desa nova achega provincial por un valor superior aos 460.000 euros.

O Goberno local considera que o proxecto de contas que se someterá a debate e votación este xoves á tarde “aposta polo mantemento dos servizos públicos, á cohesión social e á atención directa á veciñanza, nun contexto marcado pola necesidade de que outras administracións asuman unha maior corresponsabilidade financeira”.

Outros temas
Alén deste asunto principal, a sesión ordinaria tamén tratará outras cuestións de carácter técnico. Así, tres dos oito puntos refírense a correccións de erros detectados en propostas que xa pasaron anteriormente polo pleno e que, unha vez subsanados, teñen que volver ao máximo órgano da representación municipal. Son os referidos ao proxecto de rehabilitación da nave de servizos, o convenio marco da recollida de envases lixeiros e tamén o acordo de distribución do POS+, debido a un descadre de 10€ no sumatorio total.

Por outra banda, a parte resolutiva tamén inclúe a aprobación do Inventario de bens e dereitos do Concello, que ascende a lgo máis de 27,7 millóns de euros.

Ao tratarse dun pleno ordinario tamén haberá quenda final de rogos e preguntas. Como é habitual, e salvo problemas técnicos, a sesión poderá seguirse ao vivo a través da canle de Youtube do Concello.

Share.