O Plan de Transporte Público de Galicia activa desde hoxe unha nova liña As Pontes-Ferrol e os buses escolares compartidos

0

Hoxe entran en funcionamento as modificacións do Plan de Transporte Público de Galicia que, no caso de San Sadurniño, suporán a creación da nova liña Ferrol-As Pontes-Ferrol por Moeche e As Somozas. O bus fará dúas viaxes no día de luns a venres, agás festivos: unha en sentido Ferrol pola mañá e outra en sentido As Pontes pola tarde. Por outra banda, o inicio do curso tamén significa a reanudación en toda Galicia do transporte compartido nos itinerarios do transporte escolar, que inclúe a obriga de solicitar previamente as paradas sinaladas nos plans de ruta como “a demanda”  -o bus pasa de largo se ninguén o solicita antes-, para o que fará falla chamar a véspera ao 988 687 800 en horario de 8 a 19.00h. de luns a venres laborais. Nese teléfono ou na web bus.gal tamén nos solventarán calquera dúbida sobre horarios ou traxectos. Tanto os itinerarios da liña regular que se inaugura hoxe como os do transporte escolar están xestionados pola UTE Terras do Eume.

A liña de transporte xeral que se crea e que empeza a circular este luns sairá das Pontes ás 10.45h. con destino a Ferrol, a onde chegará sobre as 12.20h. No medio pasará por Recemel, as Somozas, Balocos, San Ramón de Moeche e, xa en San Sadurniño, baixará pola estrada de Ortigueira ata Riboira e alí desviarase cara á Rubiña, a Agra de Arriba e Marqués de Figueroa. Despois enganchará de novo a AC-862 e, uns metros máis abaixo, collerá a estrada de Pedroso. A ruta continuará até o cruzamento da Carreira e unha vez alí virará á esquerda pasando polo polígono das Lagoas e a rotonda de Freixeiro. Logo continuará camiño pola Estrada de Castela ata Faxardo e, desde alí, até o hospital Novoa Santos e o CHUF (a “residencia” Arquitecto Marcide). Finalmente parará na estación de autobuses de Ferrol. Este mesmo itinerario farase en sentido inverso, Ferrol-As Pontes, con saída ás 17.00h. da estación de autobuses e chegada prevista ás Pontes sobre as 18.35h.

Ambos traxectos diarios manteranse durante todo o ano de luns a venres non festivos, xa que a liña non funcionará nas fins de semana.

Transporte baixo demanda
O Plan de Transporte Público de Galicia tamén implantou o servizo compartido do transporte escolar, de maneira que podemos usar o bus da cativería para ir e vir ao centro urbano desde a nosa parroquia.

Segundo informan desde o teléfono de contacto –988 687 800– o autocar irá deténdose en todas as paradas que se sinalan nos documentos descargables algo máis abaixo. Só fará falla reservar naquelas que teñen a etiqueta “a demanda”, algo que deberá facerse a través dese mesmo teléfono en horario de 8.00 a 19.00h. Para ver os itinerarios e os horarios poden consultarse as seguintes ligazóns:

  • San Sadurniño- A Fraguela: A Fraguela (Naraío), a Penavidreira, o Chao, O Pico, A Vila, A Ferrería, O Eirexado, A Fontela, A Cobeluda, Cornide e San Sadurniño.
  • San Sadurniño-Bustelo: Bustelo, Liñares, Os Cobos, Ponte Pielas, A Cabrita, A Casanova, A Bidueda, Cornide e San Sadurniño.
  • San Sadurniño-A Pallota: a do norte do concello, en Santa Mariña e Camiño Arriba, que pasa pola Pallota, Portolamas, Bouzarrara, Vilela, o bar Lembranza, O Freixo, Cabanela, Castrelo, A Pereira, Vilar, A Gándara, A Esperanza, O Espiñeiro, Baluarte, Casa Santiago, Vilachá, O Albeiro, Penelas, Casa García, Gunduriz e San Sadurniño.
  • San Sadurniño-O Casal: Esta liña escolar tamén percorre o norte do municipio por O Casal, Casanova, Gudín, A Sanguiñeira, As Loibas e a Cruz da Reina, para logo continuar por Moeche -Leboriz, Carbeiral, Gundiao, Finlle, Trieiro, Mil de Abaixo, Balocos, desvío até o Castro (Santa Cruz), San Ramón- e volta a San Sadurniño por Vilanova, O Fabal, A Rubiña e o CPI.
  • San Sadurniño-Riboira: Outra é a que parte de Riboira, baixa ao Chao de Lamas , a Laxe e Soutullo e despois sobe a San Ramón para despois retornar pola Casabranca, Vila-Souto, Requiá, Penasalbas, Piegolongo, cruzamento de Felgosa e volta pola estrada de Ferreira até o CPI.
  • San Sadurniño-Torre: O bus escolar tamén fai a volta desde a Torre (Igrexafeita), a Pena da Meda, A Casilla, Caínce, a Chabola, A Leiriña, Cadavás, Chao, A Seara, A Camba, Pontellas, Os Feás e remate no CPI.
  • San Sadurniño-Cantalarrana: Cómpre contar tamén coa liña escolar de Pedroso, que fai o traxecto Cantalarrana, Vilallonte, Bazón, Vidueiras, Castro, Pereiros, Congostras, Pedroso, Cooperativa, Rio Couto 1 e 2, Naseiro, Enxerto e CPI.
  • San Sadurniño-A Veiga: Esta liña de ida e volta ao CPI cobre boa parte de Moeche até o límite con Cerdido e mesmo conta cunha parada na Igrexa, nas Somozas.

Recordamos: a reserva só será necesaria para as paradas “a demanda” e para facela haberá que chamar a véspera como moi tarde ao 988 687 800 (se é fin de semana ou festivo, haberá que facelo o día laborable anterior), en horario de 8.00 a 19.00h. Quen chame deberá ter á man o DNI e ter claras as paradas entre as que quere viaxar e, unha vez feita a reserva, asignaráselle un número de confirmación que se lle deberá presentar ao condutor ou condutora. Esa confirmación tamén se pode obter por correo electrónico. Se por calquera motivo finalmente non se vai facer uso do transporte compartido, recoméndase contactar co servizo para anular a reserva.

É importante ter en conta que o servizo tamén está condicionado nestes momentos ao protocolo de prevención da COVID-19. Será obrigatorio o uso de máscara e a observancia de todas as medidas de hixiene de mans e respiratorias.

 

 

Share.