O mellor volei regresa ao pavillón municipal durante toda a xornada deste sábado coa disputa do tradicional torneo de volei patrocinado polo Concello, unha das citas ineludibles da pretemporada galega. O equipo anfitrión e organizador, o Aldebarán Intasa, convidou nesta ocasión ao Club Vóley Palma e ao Arenal Emevé de Lugo, ambos de Superliga, ademais de volver traer ao Leixões Sport Clube, 4º clasificado no campionato ligueiro portugués na temporada 23/24 e vencedor na edición do ano pasado do trofeo municipal.
A competición comezará ás 10:30h co emparellamento entre o Aldebarán-Intasa e o Palma. Posteriormente, ás 12:00h, está previsto que se xogue o segundo partido, que enfrontará ao Emevé Lugo co Leixões Sport Clube, equipo da primeira división portuguesa que xa participou -e ganou- no cadrangular o ano pasado.
O resultado de ambos partidos establecerá os nomes que xogarán a partir das 17:30h pola terceira e cuarta posición e hora e media despois, ás 19:30, tocaralle aos ganadores da mañá decidir quen levará para a súa vitrina o trofeo municipal.
A competición será para o equipo local -e tamén para os outros- un ensaio de cara á temporada que comezará o próximo 5 de outubro. O Aldebarán-Intasa xogará ese día na cancha do Galdakao, equipo biscaíño que se estrea este ano na categoría. Pola súa banda, para o Emevé e para o Palma, o torneo de San Sadurniño podería ser un anticipo do que veremos no encontro que enfrontará a ambos equipos na xornada inaugural da Superliga masculina.
Os azuis están desvelando desde hai uns días nas redes sociais a composición do primeiro equipo masculino, no que polo momento se confirma a continuidade do adestrador, Pablo Gómez Parga, e da maior parte dos nomes que fixeron posible o ascenso a Superliga. No Facebook do club xa se anunciou que seguirán Roi Losada, Marcos Blanco, Antonio Tacón, Manuel Gomes, Luis Meza, Manuel Aba, Álex Vizoso, Jaime Caamaño, Lucas Wünchmann e o histórico Marcos Piñón “Pakito”.
Ademais tamén volve á casa o adestrador Charly Suárez como responsable do equipo infantil masculino e da coordinación de toda a base, dentro da estratexia do Aldebarán de reforzar o seu proxecto garantindo relevos desde abaixo. Neste sentido xa se publicaron os horarios das escolas, que durante todo este mes ofrecen a oportunidade de probar de balde a disciplina. Para entrar formar parte delas hai que cubrir este formulario en liña. Pode ampliarse información no teléfono 697 392 693 ou no correo aldebaranvoleibol@gmail.com.
CATEGORÍA | NACEMENTO | HORARIOS | COTAS MENSUAIS |
---|---|---|---|
BIBERÓN MIXTO | 2019-2022 |
15:30 – 17:00h |
GRATIS |
PREBENXAMÍN / BENXAMÍN MIXTO | 2015-2018 |
20€ |
|
ALEVÍN MIXTO | 2013-2014 | ||
INFANTIL MASCULINO | 2011-2012 |
16:00 – 18:00h |
25€ |
INFANTIL FEMININO | |||
CADETE FEMININO | 2009-2010 | ||
CADETE MASCULINO | 2009-2010 |
18:00 – 20:00h |
|
XUVENIL FEMININO | 2007-2008 |
18:00 – 20:00h |
|
XUVENIL MASCULINO |