O luns abre o tempo de reserva de praza na EIM “A Rolada”

0

Entre o día 1 e o día 15 de marzo permanecerá aberto a través da Sede Electrónica o prazo de solicitude de reserva de praza na Escola Infantil Municipal “A Rolada” para o curso 2021/2022. Este primeiro período está pensado para as familias que xa teñen nenos ou nenas matriculadas no presente curso e que, polo tanto, teñen prioridade á hora de volver inscribir as criaturas no centro.  Para as novas incorporacións abrirase un novo período de solicitude desde o 16 de marzo ao 31 de marzo, común para a tramitación presencial e a través da Sede Electrónica. Recoméndase verificar a documentación na escola infantil antes de rexistrala por calquera destas dúas vías. 

Os servizos da EIM A Rolada diríxense preferentemente a familias empadroadas do municipio con nenos e nenas de entre tres meses e tres anos de idade e só no caso en que haxa vacantes poderá admitir alumnado doutros concellos priorizando aquelas familias que teñan o seu posto de traballo nunha empresa de San Sadurniño.

A escola dispón de 38 prazas distribuídas en tres unidades: 8 na de nenos e nenas de tres meses a un ano, 13 na de criaturas de un a dous anos e 17 na ocupada por cativería de entre dous e tres anos. A razón de abrir dous prazos de solicitude non é outra que a de garantir que os meniños xa matriculados este ano nas unidades de 0 a 1 e de 1 a 2 anos teñan garantida a continuidade no centro co cambio de curso do ano que vén.

Así, o criterio de adxudicación das prazas é o seguinte:

1. Reserva de praza ordinaria, na que gozarán de preferencia para a adxudicación as nenas e nenos con matrícula neste curso. Á súa vez, terán preferencia na elección de xornada as familias empadroadas no concello.

2. Reserva de praza para fillas e fillos do persoal municipal e da EIM, que terá preferencia na adxudicación de vacantes existentes nas mesmas condicións que as persoas empadroadas.

3. Novos ingresos -o prazo de solicitude será do 16 ao 31 de marzo- , que se cubrirán unha vez adxudicadas as prazas reservadas e seguindo os criterios de baremación recollidos no regulamento de funcionamento da EIM.

A Escola Infantil Municipal A Rolada presta varios servizos adaptados ás necesidades de cada familia. O horario de apertura máximo é de 8 da mañá a 8 do serán de luns a venres e, dentro del, pódense elixir de catro a oito horas de atención educativa. Esta posibilidade ten, á súa vez, varias opcións: xornada completa continuada ou partida, media xornada de mañá ou media xornada de tarde. A parte educativa complétase con servizo de comedor, actividades paralelas e extraescolares e mesmo con saídas e excursións dentro do horario de atención como parte fundamental do currículo do centro.

As tarifas vixentes para os servizos que presta a EIM -aplicables tanto a reservas como a novos ingresos- son as seguintes, aínda que cómpre ter en conta que desde o pasado mes de setembro é de aplicación a bonificación do 100% da taxa por atención educativa a partir do segundo fillo/a decretada pola Xunta de Galicia.:

Concepto Cota vixente
Matrícula (anual)

21,26 €

Mensualidade a xornada completa (8h.)

207,26 €

Mensualidade a media xornada (4h.)

124,36 €

Xornada de 2 horas

74,40 €

Hora complementaria (prezo mensual)

21,26 €

Hora extraordinaria (prezo diario)

3,72 €

Comedor mensual para almorzo

26,57 €

Comedor mensual para xantar

82,90 €

Comedor mensual para merenda

26,57 €

Comedor en día solto

4,25 €

Para obter máis información sobre os servizos da escola ou sobre os procedementos de reserva de praza ou de nova incorporación débese solicitar cita previa no propio centro -981 490 369-, onde  facilitarán toda a documentación e solventarán calquera dúbida, preferentemente por vía telefónica. As consultas tamén se lle poden facer á Educadora Familiar e, igualmente, solicitando cita previa no 981 490 027 ext1.

Unha vez cubertas as solicitudes haberá que rexistralas no Concello, ben de forma presencial ou ben a través da Sede Electrónica municipal, onde tamén se atopan todos os formularios e as correspondentes instrucións para a súa tramitación telemática. Este último medio será o preferente para facer o trámite.

Modelo de solicitude de praza (pdf)
Ordenanza das taxas (pdf)
Regulamento da EIM (pdf)

Share.