O Leixões Sport Clube vence no torneo municipal de volei

0

Xornada de volei e moita calor a vivida este sábado no pavillón municipal de San Sadurniño, onde se celebrou o 20º torneo municipal coa participación do equipo anfitrión, o Aldebarán-Intasa, a Textil Santanderina -ambos de SM2-, o Arenal Emevé de Lugo da Superliga, e o Leixões Sport Clube de Portugal, quen lle conferiu á xornada un carácter internacional. O equipo luso, militante na primeira división do país veciño, venceu no cadrangular tras impoñerse pola mañá aos cántabros e pola tarde aos lugueses. Todos os partidos resolvéronse por 3-1.

O Aldebarán-Intasa inaugurou a competición ás 10:00h enfrontándose ao Emevé nun partido de claro dominio lugués nos dous primeiros sets. Foi no terceiro cando o equipo de Pablo Gómez Parga mostrou maior capacidade en ataque e recepción, o que lle valeu para conter o empuxe do único equipo galego que xogará esta temporada en Superliga masculina. Con todo, tras ceder o set, o Emevé sentenzou no cuarto co 1-3 definitivo e praza na final que se desputaría no serán.

O segundo partido, iniciado pouco despois das 12:00h, puxo cara a cara á Textil Santanderina e ao Leixões Sport Clube. O equipo portugués tampouco lle deu moitas opcións ao cántabro, que só puido acadar o set da honra tras un partido de grande intensidade que calcou o marcador do anterior: 1-3.

Así as cousas, a sesión da tarde comezou coa loita polo terceiro e cuarto posto entre o Aldebarán-Intasa e a Textil Santanderina. O partido foi unha primeira toma de contacto entre dous equipos que xogarán na Superliga 2 masculina esta temporada, compartindo ademais grupo zonal. O balance foi positivo para os da casa, xa que controlaron a practica totalidade dunha confrontación deportiva que finalizou co marcador, de novo, 3-1. Ligazón ao streaming do partido.

O feito de que se xogasen catro sets e a propia dinámica do xogo, que acusou a calor da tarde, fixeron que este encontro se prolongase algo máis de dúas horas e que, polo tanto,  a final comezase máis tarde do previsto. Estaba posta para as 19:00h e empezou a iso das 20:00h. Por diante quedaban case dúas horas e dez minutos de partido entre dous equipos, o  Leixões e o Emevé, que mostraron un nivel moi parello, habida conta de que ambos forman parte das primeiras ligas de Portugal e España.

Esa igualdade reflectiuse nos marcadores parciais con victorias pola mínima, no primeiro set para o Emevé e nos tres seguintes para a escuadra portuguesa, vencedora á postre do torneo…por 3-1. Ligazón ao streaming do partido.

Á marxe dos resultados, o torneo municipal foi unha primeira oportunidade de ver en acción a formación dirixida por Parga, home da casa que parte coa vantaxe de coñecer ben as capacidades dun equipo sostido en boa medida en nomes que tamén son xa da casa. O Aldebarán-Intasa mostrou un xogo coordinado e boa disposición para se desenvolver na competición da SM2 que botará a andar o próximo 7 de outubro, aínda que o equipo azul non se estreará até o día 14 enfrontándose no municipal ao Club Vigo Voleibol.

Share.