O Goberno local insiste en que se debe alegar ao proxecto “Caaveiro” a pesar do informe desfavorable da Xunta

0

O xornal La Voz de Galicia publica na súa edición de hoxe -xa o fixo onte á noite na dixital- que a Xunta de Galicia emitiu un informe desfavorable con respecto ao proxecto do parque eólico Caaveiro. Segundo informa o diario, os motivos argumentados no informe serían o de que este proxecto promovido por ENEL Green Power se encontra fóra das áreas de desenvolvemento definidas no Plan Sectorial Eólico de Galicia e tamén a súa afección a espazos en Rede Natura. O Goberno local de San Sadurniño cualifica a información como “unha boa noticia”, pero tamén alerta de que a tramitación administrativa do parque “segue o seu curso a pesar dos informes da Xunta” por tratarse dunha competencia estatal, non autonómica. Neste sentido, Secundino García pide “non baixar a garda” e que tanto veciñanza como colectivos dos territorios afectados continúen seguindo a folla de ruta de “presentar o maior número posible de alegacións antes do 27 de xullo”. Tamén recordou que este luns e martes estará aberta no local social de Naraío unha oficina de preparación de alegatos que atenderá con persoal especializado entre as 16 e as 21.00h. 

O alcalde tamén se referiu esta mañá ao feito de que a Xunta de Galicia “siga preferindo falar a través da prensa en vez de informar en primeiro lugar aos concellos afectados. Na nota publicada fálase de ‘transparencia e colaboración institucional’ pero a día de hoxe non tivemos comunicación ao respecto deste informe desfavorable nin tampouco resposta sobre a xuntanza que lle temos solicitada desde hai tempo para falar dos proxectos eólicos que poderían afectarnos con liñas de evacuación, algúns deles de tramitación autonómica”.

Dito isto, Secundino García sinalou que o feito de informar desfavorablemente sobre o proxecto do parque eólico Caaveiro “apuntala as teses expresadas nas xuntanzas informativas que houbo en toda a volta nas últimas semanas, conforme os parques non poderían instalarse fóra das áreas de desenvolvemento establecidas no plan eólico”.

Porén, o rexedor tamén ironiza indicando que “quen fai a lei, fai a trampa”, referíndose ao dato de que este mesmo ano o goberno da Xunta promoveu “en solitario” no Parlamento de Galicia un cambio normativo, a través da  Lei 9/2021, de 25 de febreiro, que abre a porta ao asentamento de parques fóra desas áreas no suposto de que teñan “unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, unha función vertebradora e estruturante do territorio e que sexan declarados como tales polo Consello da Xunta de Galicia”.  Secundino García explica que con só esa frase da lei  “suprímese na práctica a planificación eólica en Galicia, ao permitir facer parques a discreción en calquera lugar no que haxa vento e que e non estea expresamente prohibido”. 

García engade que os informes desfavorables que poida emitir a Xunta con respecto ao proxecto “Caaveiro” e outros, “non aseguran que máis adiante non poida haber un cambio de postura por parte da Xunta se as empresas xustifican sobre o papel esa ‘función vertebradora’, que poderían vir en forma de de fusións de proxectos, como ese que parece que se está xestando entre ENEL e a portuguesa EDP, que nos enchería igualmente de muíños o territorio”.

Para engedellar aínda máis a cousa, a tramitación do proxecto “Caaveiro” e dos outros cinco promovidos por ENEL no radio de 50 quilómetros ao redor da térmica das Pontes “é de competencia ministerial” posto que en todos eles superan os 50 MW de potencia nominal. “O informe desfavorable da Xunta pode non ser vinculante para o Estado, que é quen se encarga de toda a tramitación administrativa. O feito de que os parques estean planificados fóra das áreas de desenvolvemento eólico autonómicas é un argumento de peso, pero non definitivo”.

Seguir alegando
A reacción do Goberno local de San Sadurniño despois de coñecerse a información publicada é a de que se trata “dunha boa noticia” que, sen embargo, “hai que valorar na súa xusta medida”, xa que, asegura Secundino García, “non significa necesariamente que a Xunta poida ou queira frear o parque. O proxecto Caaveiro segue o seu curso a pesar dos informes e debemos ter moi presente que o 27 de xullo finaliza o prazo de alegacións á solicitude de autorización administrativa previa e á declaración de impacto ambiental”.

Desde o executivo municipal pídese “non baixar a garda polo que poidan suxerir os xornais ou polo que poida anunciar a Xunta. Isto non está finiquitado nin moito menos.  O proxecto tramítao o Estado e hai que presentar o maior número posible de alegacións antes do 27 de xullo e, despois, seguir moi de preto a evolución do expediente”.

O Concello manterá aberta o luns e o martes no local social de Naraío unha oficina de asesoramento e preparación de alegatos que atenderá de balde á veciñanza entre as 16 e as 21.00h ambos días. Ademais, o xoves 22 tamén se celebrará un pleno que levará na orde do día un punto referido ao posicionamento da corporación municipal con respecto a este e outros proxectos eólicos con afección sobre o territorio.

Por último, a AVV O Castelo de Narahío e outros colectivos veciñais da poligonal do parque tamén teñen previsto organizar un acto simbólico de protesta o sábado 24 ás 19.00h no cordal da Louseira do que informarán ao longo desta semana a través das súas redes sociais.

Share.