O físico e divulgador Jorge Mira falaranos sobre a eclipse o día 30 de xuño na Casa da Cultura

0

A Casa da Cultura acollerá o próximo 30 de xuño, a partir das 20:30 horas, unha conferencia do físico, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e divulgador científico Jorge Mira Pérez, centrada na eclipse total de Sol que poderá observarse en parte de Galicia no serán do vindeiro 12 de agosto. Un acontecemento astronómico excepcional que converterá a nosa zona nun dos poucos e mellores lugares do mundo para contemplar este fenómeno. A sesión, que é con entrada libre, estará enfocada nos aspectos científicos do grande evento, pero tamén nas cousas que se deben ter en conta para observalo da mellor maneira posible e nas medidas de protección que se deben adoptar para gozar del con total seguridade, sobre todo a da nosa vista.  San Sadurniño empeza a prepararse deste xeito para o acontecemento astronómico das nosas vidas, do que xa existe información na web de turismo.

Segundo explicou o propio Jorge Mira hai uns días, a charla estruturarase en tres partes diferenciadas, comezando por un bloque introdutorio no que o relator abordará a comprensión básica do fenómeno das eclipses solares. O experto mostrará de xeito moi visual as escalas dos astros implicados, as distancias ás que se atopan respecto da Terra e a singular coincidencia que permite que a Lúa chegue a ocultar completamente o Sol. Nesta primeira parte tamén realizará un percorrido histórico polo papel que as eclipses desempeñaron no avance do coñecemento científico desde a Antigüidade, contribuíndo a comprender mellor o funcionamento do firmamento.

A segunda parte da conferencia centrarase na excepcionalidade da eclipse total de Sol do 12 de agosto de 2026, unha das máis importantes das últimas décadas en Europa. Jorge Mira explicará con detalle as características do fenómeno, as distintas fases polas que transcorrerá e as condicións que se darán durante os minutos de totalidade. Ademais, ofrecerá orientacións sobre os mellores lugares para a súa observación e as claves para poder gozar dunha experiencia única.

A sesión completarase cun terceiro bloque dedicado ás recomendacións de seguridade e ás precaucións necesarias, sobre todo as relativas á protección da vista durante a observación da eclipse e á prevención de queimaduras provocadas polo sol mentres se agarda por ela.

Neste sentido, desde o Concello insístese en que non se deben utilizar lentes de sol convencionais, cristais afumados e outros métodos caseiros. DEBEN USARSE FILTROS OU LENTES HOMOLOGADAS ESPECIFICAMENTE PARA A OBSERVACIÓN que estean en perfectas condicións -non poden ter rabuñaduras nin defectos- e que conten, ademais, co marcado de conformidade europea CE e coa certificación EN ISO 12312-2:2015, ademais de un deseño que protexa a vista correctamente.   

Alén dos fundamentais consellos de protección, o divulgador tamén avanzará algunhas previsións sobre a posible configuración atmosférica e as condicións meteorolóxicas que poderían influír na observación do fenómeno, unha cuestión especialmente relevante para quen teña previsto desprazarse para contemplalo.

Jorge Mira Pérez é un dos científicos galegos de maior relevancia internacional. Doutor en Física e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, desenvolveu unha destacada traxectoria investigadora no ámbito da física aplicada, ao tempo que se converteu nun dos divulgadores científicos máis recoñecidos do país.

En relación co fenómeno astronómico do próximo 12 de agosto, Mira foi o coordinador do documento de traballo “Esperando a eclipse total de Sol. Recomendacións para as administracións públicas e a cidadanía”, publicado este ano polo Consello da Cultura Galega como guía de referencia para afrontar os retos organizativos, de seguridade, mobilidade, comunicación e observación asociados a este acontecemento astronómico extraordinario. O documento foi elaborado a partir dun grupo de traballo multidisciplinar promovido pola institución cultural galega e coordinado polo propio investigador.

Lentes e web sobre o fenómeno
O Concello comezará a distribuír de balde na semana do 6 de xullo lentes protectoras para observar o fenómeno. Encargáronse 1.000 exemplares que se poderán recoller nos bares e outros establecementos públicos de San Sadurniño, ademais de estar dispoñibles na Casa da Cultura.

Os filtros, que contan coa debida homologación, van nunha montura deseñada coas cores e logos corporativos do Concello e do Xeoparque, ademais de incluír recomendacións básicas de seguridade e un código QR para acceder ao micrositio sobre a eclipse que xa está dispoñible na web #quemáisqueres de Turismo de San Sadurniño.

Nos próximos días ampliarase o contido da web cun mapa cos mellores lugares para observar o fenómeno, que se producirá o mércores 12 de agosto entre as 19:30 e as 21:21h, aínda que o momento da totalidade durará pouco máis de minuto e medio, entre as 20:27 e as 20:28h.

A recomendación é buscar un lugar máis ben elevado e cunha visión despexada cara ao Oeste. Algúns dos sitios que ofrecerán unha panorámica máis ampla tanto da eclipse como da terra escurecida no momento da totalidade serán o Pico de Ferreira, as Penas do Rei Mouro ou o tramo da estrada vella das Pontes ao seu paso pola Rampla, en Naraío, desde onde se ve unha pequena parte da Ría de Ferrol e da costa de Valdoviño.  Outro punto interesante será o cordal das Penas Louseiras, mentres que a zona do Forgoselo -desde o repetidor de Naraío até os Miguelares, seguindo o parque eólico- non será, en principio, un dos mellores emprazamentos para unha observación que combine eclipse e unha panorámica ampla da paisaxe.

Share.