O Emevé leva por segundo ano para Lugo o trofeo municipal de volei

0

Prosegue o calendario de pretemporada no volei de alto rendemento galego, con partidos nos que os equipos da SM2 e o único da Superliga Masculina tentan poñer a punto as súas respectivas escuadras de cara ao arranque ligueiro. San Sadurniño encadeou dúas fins de semana con citas no pavillón municipal centradas en encontros preparatorios, a primeira cun triangular entre o Aldebarán-Intasa, o Calasancias e o Bruxas -equipos que xogarán na división de prata estatal- e a segunda -a deste sábado 21 de setembro- coa disputa do XVII Trofeo de volei Concello de San Sadurniño, á que asistiron o Rotogal Boiro, o Voleibol Dumbría -ambos tamén SM2- e mailo Arenal Emevé Lugo, único representante galego na máxima categoría para esta temporada. Os lugueses exhibiron todo o seu potencial para facerse co título derrotando na rolda matutina aos de Boiro e, xa pola tarde, aos anfitrións, que caeron por 1-3.

O Emevé non tivo demasiado problema para desfacerse do Rotogal, a quen lle levou o partido por 3 sets a 0. Foi o arranque dun trofeo que deparaba para media mañá o enfrontamento entre o Intasa e mailo Dumbría. Un partido moito máis igualado que rematou en  3-1 (25-18/21-25/25-21/25-23)  e no que se confirmou a calidade das últimas fichaxes do equipo que dirixe Charly Suárez.

Brillou con luz propia o cadete Lucas Wüchmann pola súa calidade en ataque e defensiva. Respondeu por riba da media malia ter tan só 15 anos e, por agora, menos corpo que os demais. Xogador da base do Aldebarán, Wüchmann empezou no volei para probar hai agora tres anos. Enganchouse a el de tal maneira que acabou deixando o fútbol, o seu outro deporte, no que, seica, é todo un figura. Agora entra formar parte do primeiro equipo do club e todo apunta a que o seu será un dos nomes para ter en conta de cara ao futuro.

Tamén mostrou maneiras o colombiano Joan Jaraba, quen coñeceu aos seus compañeiros hoxe mesmo, minutos antes do encontro e sen tempo para adaptarse ao grupo. Cómpre mencionar, ademais, o papel destacado do receptor caboverdiano Isaias Sanches, que é xunto con Jaraba, a segunda torre dun equipo que enfronta a SM2 cun mix de canteira, de nomes experimentados -Parga, Uxío, Portero, etc.- e reforzos chegados de fóra moi prometedores. Regresan Tacón, Boris e Jorge Lendoiro, ademais de sumarse á familia Jaraba, Sanches, Diego Vázquez “Golas” e de incorporar ao primeiro equipo valores como Santi Díaz, o propio Wüchmann ou Samuel Tembrás.  A configuración responde á estratexia do club de manterse nos primeiros postos dunha liga que comeza na Coruña o próximo 5 de outubro.

A escuadra azul presentou o sábado a súa segunda equipación. Será verde en substiución do amarelo que, tal e como comentaba un membro da directiva, “tanta mala sorte nos trouxo o ano pasado”. Porén, como reza o dito popular, á sorte hai que axudarlle con bo xogo. E semella que o Aldebarán-Intasa ten bimbios de sobra para cumprir obxectivos na categoría. Así o demostrou fronte ao Arenal Emevé Lugo na final da tarde. Non gañaron -o partido rematou 1-3 a favor dos lugueses-, pero si lle presentaron á afección un grupo competitivo que aínda ten marxe de mellora antes de empezar a liga e que, de seguro, medrará en compenetración nos seus primeiros compases.

No XVII Trofeo de volei Concello de San Sadurniño o título volveu marchar a Lugo -xa o fixera o ano pasado-, o Intasa quedou segundo -tamén igual que en 2018- e o terceiro posto foi para o Rotogal Boiro despois de gañarlle 3-1 ao Dumbría no primeiro partido xogado pola tarde.

 

 

 

Share.