O día 1 abre o período de reserva de praza para as crianzas xa matriculadas na EIM A Rolada

0

Entre o día 1 e o día 15 de marzo estará aberto o prazo de reserva de praza na EIM A Rolada para o curso 2024/2025. Esta primeira quenda está pensada para as familias que xa teñen crianzas matriculadas no presente curso e que, por iso, gozan de prioridade para a inscrición. Para as novas incorporacións abrirase un segundo período de solicitude entre o 16 e o 31 de marzo. A escola, que é de balde, conta con 38 prazas repartidas en 3 unidades: 8 para bebés entre 3 meses e 1 ano, 13 para meniñas e meniños de 1 a 2 anos, e 17 para as crianzas de entre 2 e 3 anos.

Tal e como se recolle no regulamento de funcionamento en vigor desde principios deste mes de febreiro, o horario de apertura é de luns a venres entre as 8 da mañá e as 8 da tarde. Dentro deste horario pódense escoller de catro a oito horas de atención educativa con varias opcións: xornada completa continuada ou partida, ou media xornada, de mañá ou de tarde. A atención de mañá está asegurada, pero para ofrecer a da tarde cumprirá que durante todo o período horario se manteña un mínimo de asistencia do 15% das 38 prazas que ten o centro.

A matrícula e a atención educativa son de balde para as familias, xa que unha parte dos custes págaos a Xunta mentres que a outra é asumida polo Concello con fondos propios, en cumprimento da normativa autonómica sobre gratuidade das escolas infantís. Neste sentido, o único custe é o do servizo de comedor, cunha tarifa en vigor de 76,72€ mensuais.

O prazo que permanecerá aberto entre o 1 e o 15 de marzo diríxese a aquelas familias que xa teñen crianzas matriculadas  nas unidades de 0 a 1 e de 1 a 2 no curso 2023/2024, coa finalidade de que poidan efectuar a reserva de praza para o 2024/2025 e ter garantida a continuidade na escola o ano que vén.

Do 16 ao 31 de marzo abrirá un novo prazo, nese caso para novas incorporacións en calquera das unidades que dispoñan de prazas vacantes. No acceso terán preferencia as familias empadroadas en San Sadurniño -ademais do persoal municipal e da propia EIM- e, se quedasen prazas libres, as seguintes en orde de prioridade serán aquelas familias doutros municipios que teñan algunha vinculación laboral con San Sadurniño. Por último, se houbese vacantes despois de asignar as prazas dos dous supostos anteriores, tamén poderán acceder as familias que nin estean empadroadas nin traballen nalgunha empresa do noso municipio.

O trámite de reserva de praza para familias que xa teñen crianzas matriculadas pode facerse presencialmente ou a través da Sede Electrónica municipal. Os formularios de solicitude poden recollerse na propia escola, situada no edificio anexo ao Concello, onde tamén amplían información sobre o servizo e onde se pode verificar a documentación antes de presentala.

Share.