O curso “de sulfatar” empeza nuns días e aínda ten algunha praza dispoñible

0

O carné de aplicación de fitosanitarios é o documento oficial acreditativo de que se teñen os coñecementos e habilidades necesarios para manipular e dar estes produtos de forma segura e responsable. Para obter esta certificación é necesario pasar por unha sinxela formación teórica e práctica e despois superar un exame oficial que fai a Xunta de Galicia. Neste sentido, o Concello de San Sadurniño lanzou hai algo máis dun mes a convocatoria dun destes cursos preparatorios, que se desenvolverá na Casa da Xuventude os días 12, 18, 19 e 25 de abril. O prezo son 100 euros para persoas empadroadas e cómpre apurar a anotarse, xa que as prazas están a punto de completarse. As inscricións poden facerse a través do teléfono 684 074 065. 

O curso básico que se ofrecerá en San Sadurniño durante todo este mes de abrill -impartido pola academia @Proba- centrarase nos conceptos básicos dos diferentes tipos de produtos fitosanitarios, nos métodos de aplicación máis axeitados, as medidas de seguridade que se deben adoptar e a normativa vixente en materia de fitosanitarios. Ademais, as persoas participantes terán a oportunidade de realizar prácticas para familiarizarse co manexo destes produtos e os equipos de aplicación.

A actividade ten un prezo de 100€ para as persoas empadroadas en San Sadurniño e de 200€ para as persoas doutros concellos. Neste importe inclúense as horas de formación teórica a práctica, o exame (que haberá que aprobar obrigatoriamente para obter o certificado), a tramitación do carné e a inscrición da persoa titular no Rexistro Oficial de Produtores e Operadores (ROPO). É importante ter en conta que no caso de non superar o exame non será necesario pagar de novo a matrícula.

As sesións desenvolveranse na Casa da Xuventude desde este sábado nas seguintes datas e horarios:

  • Sábado 12 de abril, de 09:30h a 13:30h
  • Venres 18 de abril, de 15:00 a 21:00h
  • Sábado 19 de abril, de 08:00h a 15:30h
  • Sábado 26 de abril, de 08:00h a 15:30h
  • Exame o martes 29 de abril (horario por concretar)

As persoas interesadas en inscribirse poden chamar ao número de teléfono 684 074 065. Cómpre que non se demoren, posto que están a piques de cubrirse a totalidade das 25 prazas ofertadas.

En Galicia, a normativa que regula o uso de produtos fitosanitarios baséase na lexislación estatal e europea, concretamente no Real Decreto 1311/2012, que establece o marco de actuación para conseguir un uso sustentable destes produtos. Para poder manipular e dar fitosanitarios, é obrigatorio obter o carné de persoa aplicadora por medio de cursos coma este, que ofrecen unha formación homologada e o acceso á proba oficial de avaliación.

Share.