Despois da suspensión do espectáculo “Saaabor!” hai dúas semanas en Bardaos, o Concello recupera este showcooking humorístico protagonizado por Fran Rei e Félix Rodríguez para a mañá do mércores. Como espectadores e espectadoras terán ao alumnado do CPI de San Sadurniño nun pase a partir das 10:00h na Casa da Cultura. A obra chega a San Sadurniño gracias á rede cultural Dinamiz-artj dos Convenios para a Transición Xusta de aquelas zonas afectadas polo peche de centrais térmicas.
“Saaabor!” é un showcooking cheo de humor, maxia e música onde presenciarán a preparación dun menú disparatado, ademais de faceren nalgúns momentos de pinches de cociña. Os protagonistas son dous afamados chef que nos ofrecen pratos para todos os gustos, desde a comida máis práctica e sinxela ata a máis elaborada, sen esquecer unha delicada sobremesa.
Tralos fogóns estará o actor e músico Félix Rodríguez, que conta cunha longa traxectoria escénica en compañías como Odaiko, Píscore e Trío Refugallo. De par del, completando o dúo gastro-humorístico, veremos a Fran Rei, quen leva participado en máis dunha vintena de montaxes con compañías como Os Sete Magníficos máis un, Pallasos en Rebeldía ou Acontrabutaca.
Rei e Rodríguez, dous habituais no catálogo da cooperativa Culturactiva, son os creadores deste espectáculo ganador en 2018 do Festiclown e dirixido por Avelino González. Unha receita chea de sabor e moitas risas que fará as delicias dos padais infantís máis esixentes.
A cativada do CPI San Sadurniño poderá gozar de Saaabor! este mércores a partir das 10:00h na Casa da Cultura. A actividade, que tivo que suspenderse hai dez días, encádrase na programación da rede cultural Dinamiz-artj, impulsada polo Instituto para Transición Xusta e a Fundación Cidade da Enerxía(CIUDEN) para a promoción cultural nas zonas afectadas polos procesos de descarbonización, como é o caso de toda a comarca das Pontes.