A declaración institucional do Concello de San Sadurniño subliña que, malia os avances logrados nas últimas décadas, o mundo aínda está lonxe de alcanzar a igualdade de xénero plena. “Avanzar en igualdade de xénero é fundamental para crear unha sociedade saudable en todos os ámbitos, desde a redución da pobreza até a promoción da saúde, a educación ou o benestar”, sinala o texto.
Unha das principais reivindicacións da declaración é a mellora das condicións laborais das mulleres, especialmente daquelas que se dedican ao traballo de coidados -axuda no fogar, centros de día, sanitarios, atención á dependencia, etc.- que recaen maiormente nas mulleres, e que se engaden á realidade de que tamén somos nós, as mulleres, quen soportamos a maior parte dese labor de coidado dentro da casa. Alén dese contexto xeral, o Concello tamén quere visibilizar na súa declaración o traballo das mulleres migrantes, que representan a maioría das coidadoras de persoas maiores e menores. Os datos do Observatorio contra o racismo e a xenofobia revelan a súa situación de vulnerabilidade, con altas taxas de desemprego, fenda salarial e exposición a situacións de maltrato.
A declaración institucional reafirma o compromiso do Concello con políticas “transversais e integrais” que promovan a igualdade de xénero, ao tempo que destaca a necesidade de impulsar medidas que favorezan a integración laboral das mulleres, especialmente nas áreas científicas e tecnolóxicas. Ademais, o Concello fai un chamamento á reflexión sobre a necesidade de actualizar as ferramentas para garantir que a normativa relacionada directa ou indirectamente coa igualdade sexa realmente efectiva. “O feito de que haxa innumerables dereitos e medidas recollidas no marco lexislativo que non se cumpren na vida diaria debe facernos reflexionar sobre a necesidade de que se muden e actualicen as ferramentas para que eses dereitos sexan efectivos”, conclúe a declaración.
Declaración Insitucional co gallo do 8M, DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES
A igualdade de xénero non é só un dereito fundamental, senón que é un dos piares básicos para conseguir un mundo pacífico, próspero e sostible. Nas últimas décadas téñense conseguido avances importes mais o mundo está lonxe de alcanzar a igualdade en 2030 tal e como recollen os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas.
Avanzar en igualdade de xénero é fundamental para crear unha sociedade saudable en todos os ámbitos, desde a redución da pobreza até a promoción da saúde, a educación ou o benestar.
O lema elixido neste 2025 por Nacións Unidas -ao que nos unimos no Concello de San Sadurniño- é ” para todas as mulleres e as nenas: Dereitos. Igualdade. Empoderamento”. Queremos aproveitar a data do 8M para seguir reivindicando melloras nas condicións laborais das mulleres, nomeadamente nas mulleres que se dedican ao traballo dos coidados, e dentro deste colectivo queremos visibilizar o traballo das mulleres migrantes, que son, hoxe en día, a maioría das coidadoras das nosas persoas maiores e menores.
Os datos do Observatorio contra o racismo e a xenofobia son moi contundentes e indican que o 30% teñen contratos a tempo parcial, que o 12% teñen contratos verbais, que a fenda salarial por nacionalidade chega ao 37% e que a taxa de desemprego de mulleres inmigrantes respecto dos homes chega ao 60%.
Non debemos esquecer tampouco que as mulleres migrantes están expostas a violacións, situacións de maltrato e incluso escravitude, e cando chegan á sociedade europea enfróntanse tamén a prexuízos que agudizan a súa situación de vulnerabilidade.
O feminismo é unha necesidade para responder ao rearme do machismo e das posturas máis reaccionarias e mesmo fascistas en todo o planeta. Hai xa máis de cen anos que o 8 de marzo comezou a recoñecerse e consolidarse como unha data internacional de reivindicación e loita pola igualdade de dereitos das mulleres e a forma de honrala é impulsar avances concretos para que os dereitos lexislados sexan dereitos reais. Na última década, a forza do feminismo fixo que se produciran cambios lexislativos e un proceso de toma de conciencia colectiva que nos fixo avanzar posicións.
Mais hoxe, vemos con preocupación o avance de posicións e medidas abertamente retrógradas no ámbito social ou institucional, con consecuencias que agravan a desigualdade e mesmo cuestionan a existencia da violencia machista que ameaza as nosas vidas. Hoxe vemos con preocupación novos mecanismos de compra-venda e alienación dos nosos corpos e das nosas vidas, o fortalecemento da manosfera ou as consecuencias para as mulleres da concatenación de crises.
Malia que as diferenzas salariais se reduciron en Galicia en 3,6 puntos desde o ano 2018 ao 2022, entre outras cousas grazas á constante subida do salario mínimo interprofesional, vemos unha sobrerrepresentación das mulleres nos tramos de menores ingresos e unha infrapresenza nos de maiores ingresos. Aínda que aumentou a poboación feminina ocupada, hai unha terciarización dese aumento e a xornada parcial continúa sendo unha característica do emprego feminino. Todos estes factores fan que permaneza a situación de feminización da pobreza e nalgún caso comprobamos un aumento nesa fenda entre homes e mulleres.
Para continuar avanzando na eliminación da fenda de xénero no mercado laboral temos que traballar para impulsar políticas que favorezan e melloren a integración laboral das mulleres e as ocupacións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñerías e matemáticas), empezando pola sensibilización e a promoción na infancia e xuventude.
O feito de que haxa innumerables dereitos e medidas recollidas no marco lexislativo que non se cumpren na vida diaria debe facernos reflexionar sobre a necesidade de que se muden e actualicen as ferramentas para que eses dereitos sexan efectivos.
O compromiso do Concello de San Sadurniño coa igualdade é firme, e abrangue todas ás áreas desta institución. Somos conscientes que só con políticas transversais, integrais e coordinadas poderemos construír esa sociedade en igualdade.
Por todo isto,o Concello de San Sadurniño comprométese a impulsar decididamente e de forma transversal políticas de igualdade entre mulleres e homes, algunhas delas xa recollidas no Plan de Igualdade.