O perfil do Concello de San Sadurniño en Facebook acaba de superar as 10.000 seguidoras e seguidores, fronte aos 2.738 habitantes do municipio. Botando unha simple conta dános que a páxina reúne aproximadamente 3,65 followers por habitante, unha proporción especialmente elevada en comparación cos perfís institucionais de Facebook da comarca e de Galicia. A cifra é, segundo analiza o Goberno local, o resultado de anos de presenza continuada nas redes sociais e dunha comunicación centrada non só na información municipal, senón tamén na actividade cultural, deportiva e social do territorio. Neste sentido, as entidades que queiran achegar as actividades que organizan para dárlles difusión a través deste e doutros medios de comunicación municipal só teñen que envialas a concellodesansadurnino@gmail.com.
O dato das máis de 10.000 persoas seguidoras -10.029 esta mañá- pon de manifesto, sobra dicilo, que a comunidade virtual do Concello de San Sadurniño nas redes é moito máis ampla que a propia veciñanza. Mentres que os perfís institucionais doutras Administracións comarcais e galegas andan arredor de 1 ou 1,5 -e algúns por debaixo-, San Sadurniño acada as 3,65 seguidoras por habitante. Antigas persoas residentes, persoas vinculadas familiarmente ao municipio, visitantes, habitantes doutros puntos da comarca e xente interesada polas actividades e recursos de San Sadurniño forman parte dunha audiencia que transcende amplamente os límites administrativos.
“Facebook permitiunos construír unha comunidade dixital que é moito máis ampla que a veciñanza de San Sadurniño, pero que ao mesmo tempo serve para reforzar os vínculos entre as persoas que vivimos aquí”, sinala o alcalde, Secundino García Casal. “É unha ferramenta que nos permite estar en contacto con persoas que marcharon do concello, con quen ten aquí as súas raíces ou simplemente con quen descubriu San Sadurniño a través das redes”, engade.
A comparación cos outros perfís municipais en Facebook da comarca confirma que o tamaño do municipio ten influencia no número de seguidores por habitante -canto máis pequenos son os concellos, o número de followers é maior-, pero non explica por si só o caso de San Sadurniño. Hai outros municipios que tamén presentan ratios elevadas, aínda que a distancia respecto do perfil sadurniñés é considerable. “O carácter próximo da comunicación municipal” e a relación directa cos colectivos, asociacións e entidades locais contribúen a que os contidos teñan “unha importante capacidade de difusión dentro e fóra de San Sadurniño”.
Os datos máis recentes de audiencia ilustran tamén esa dimensión supramunicipal. Das 10.029 persoas seguidoras, o 64% son mulleres e o 36% homes, mentres que entre os lugares de procedencia da xente que segue a páxina aparecen Ferrol, cun 18,5% da audiencia, Narón (16%), A Coruña (6,2%), As Pontes (3,6%), Valdoviño (3,5%) e Neda (3,4%). No último mes, do 28 de xullo ao 27 de agosto, as publicacións do Concello acumularon 354.600 visualizacións, chegaron a 66.900 persoas diferentes e xeraron 3.800 interaccións, cifras que representan incrementos do 51,1%, 122,2% e 88%, respectivamente, respecto do período anterior.
“Creo que unha das claves deste éxito está en que intentamos que as redes sexan un espello do que acontece no concello, e non só un escaparate da actividade do goberno municipal”, explica o alcalde. “Cando publicamos unha actividade dunha asociación, unha festa parroquial, unha competición deportiva ou simplemente unha fotografía dun lugar do concello, estamos dando visibilidade á vida de San Sadurniño”.
Outro elemento fundamental é a continuidade. Durante anos, o Concello foi consolidando unha presenza diaria nas redes, dándolle protagonismo ás actividades que se desenvolven no municipio e utilizando especialmente a fotografía e o vídeo para contar o que acontece. Festas, eventos deportivos, actividades culturais, patrimonio, natureza, iniciativas das asociacións ou proxectos municipais “son contidos que poden interesar tanto á veciñanza como ás persoas que teñen algún vínculo con San Sadurniño, e tamén ás de fóra que están facendo scroll no móbil e paran para abrir algunha cousa interesante que temos publicada”.
“Hai tamén un efecto de cohesión que ás veces non se ve nas cifras”, engade Secundino García. “Nun concello disperso en parroquias, Facebook axuda a que saibamos o que está acontecendo noutros lugares e a sentir que formamos parte dun mesmo territorio. E iso, para nós, ten máis valor incluso que chegar a persoas que están fóra”.
Nese crecemento tiveron tamén un papel puntual algunhas campañas de promoción publicitaria da Feira Rural e da Feira da Plantación, realizadas puntualmente para ampliar o alcance dos vídeos anunciadores de ambos eventos. Porén, desde hai varios anos, o crecemento da comunidade en Facebook é exclusivamente orgánico, baseado no contido publicado e na interacción, non na compra de activos publicitarios. A evolución da páxina responde así fundamentalmente “á continuidade do traballo, á capacidade de xerar contidos de interese e á propia participación da veciñanza”, nunha dinámica que se foi acumulando ao longo do tempo.
A presenza dixital do Concello esténdese ademais a outras plataformas. En Instagram (@concellosansa) conta con 2.482 seguidores, mentres que a súa canle de YouTube suma 320 persoas subscritoras e o perfil municipal en X reúne 653 seguidores.
A estratexia de difusión en redes sociais complétase cunha canle informativa en Whatsapp -365 persoas reciben diariamente as novidades e avisos municipais- e coa participación no programa Local Guides de Google. Neste último o Concello está situado no nivel 6, e camiño do 7, gracias á actualización regular da información xeográfica e dos recursos que aparecen en Google Maps, especialmente os relacionados co turismo. San Sadurniño converteuse neste ámbito nun importante provedor de información sobre o territorio: as imaxes publicadas polo perfil municipal en Maps acumulan xa 1,9 millóns de visualizacións. “Tamén nos interesa que San Sadurniño estea ben representado onde a xente busca información antes de vir, e Google Maps é hoxe unha ferramenta fundamental para iso”, conclúe o alcalde.