O Concello saca de novo a poxa pública a vivenda de Bardaos, cun prezo de saída de 20.000 euros

0

A Xunta de Goberno Local do Concello de San Sadurniño celebrada este venres 3 de decembro incluíu entre os puntos para tratar a apertura dun novo proceso de poxa pública para vender a antiga escola das Loibas, en Bardaos, reformada para vivenda polo Concello hai oito anos. O inmoble, libre de cargas, adxudicarase á mellor oferta económica partindo dun prezo base de 20.000 euros e para propor cantidade só haberá que cumprir catro requisitos: ser persoa física, xa que no procedemento non poderán participar nin empresas nin inmobiliarias, non encontrarse en ningunha causa que prohíba contratar coa Administración pública, ter empadroamento en San Sadurniño -ou efectualo no prazo dun mes desde a sinatura das escrituras- e dedicar a casa exclusivamente a vivenda unifamiliar. O acordo adoptado hoxe e as bases polas que se rexerá a almoeda publicaranse en breve no Perfil de Contratante do Concello. A partir dese momento haberá un prazo de 15 días para rexistrar as ofertas, algo que poderá facerse presencialmente, a través da sede electrónica ou por calquera dos outros medios previstos na normativa reguladora das relacións coas Administracións públicas.

A vivenda unifamiliar está situada no número 17 do lugar das Loibas e ten dous andares que suman 121,58 metros cadrados de superficie construída. Na parte baixa dispón dunha grande sala para cociña-comedor, un aseo con ducha e unha estancia orientada a despensa ou lavandaría que comunica coa zona da horta -a casa ten 572 metros cadrados de finca-, mentres que no primeiro andar hai dúas habitacións e un amplo cuarto de baño.

A antiga escola rehabilitouse en 2013 dentro dun plan municipal que tiña como finalidade a posta en valor tanto desta edificación como doutra (xa vendida en 2018) situada no lugar de Correlo, en Naraío, ademais de darlle traballo durante medio ano a catro persoas que se encontraban en situación de desemprego. Por outra banda, o obxectivo municipal tamén era o de contribuír a fixar poboación no rural ofertando dous inmobles por prezos asequibles.

A  vivenda sae á venda mediante poxa pública partindo de 20.000 euros. As persoas interesadas poderán presentar calquera cifra igual ou superior (non se establecen tramos) e a valoración das propostas por parte da Mesa de Contratación atenderá unicamente ao factor do mellor prezo ofertado.

Na poxa poderán participar só persoas naturais, españolas ou estranxeiras, que teñan plena capacidade de obrar e non estean incursas en prohibicións para contratar coa Administración. Para acreditar esa capacidade abondará con presentar a fotocopia do documento de identidade e unha declaración responsable conforme se está ao corrente coas obrigas tributarias, incluídas as municipais, e coa Seguridade Social. Segundo establecen as cláusulas da almoeda, para entrar no proceso non será necesario pagar taxas nin tampouco depositar garantías económicas.

O modelo de declaración responsable figura nos pregos como parte da documentación administrativa que cumprirá presentar no chamado “Sobre A”. Canda este tamén haberá que rexistrar o “Sobre B” onde se fará constar a oferta económica pola casa.

Estes trámites poderán efectuarse presencialmente no Concello en horario de mañá de luns a venres, a través da Sede Electrónica municipal ou por calquera outra das vías recollidas no Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. As propostas, axustadas ao especificado nas bases, tamén se poderán remitir por medio de Correos. O prazo será de 15 días, contados a partir do día seguinte á publicación do procedemento no Perfil de Contratante do Concello de San Sadurniño.

Unha vez que se revisen as ofertas presentadas, a Mesa de Contratación proporá a adxudicación do inmoble, dándolle 15 días á gañadora da poxa para que ingrese na Tesouraría Municipal a cantidade comprometida. Feito isto xa se poderá asinar o contrato e escriturar a casa a nome da súa nova propietaria ou propietario que, no caso de non figurar no padrón municipal, deberá solicitalo no prazo máximo dun mes. Todos os gastos -rexistro, notaría, etc.- correrán por conta da persoa adxudicataria.

A casa poderá visitarse con cita previa
A casa das Loibas encóntrase tal e como quedou tras a súa rehabilitación en 2013. Debe terse presente que a vivenda non dispón de mobiliario de cociña nin tampouco de sistema de calefacción. Quen gañe a poxa pública mercará o ben nas súas condicións actuais e, por esta razón, o Concello daralle ás persoas interesadas a posibilidade de ver o seu estado antes de presentar oferta. Para iso abondará con contactar co Concello no 981 490 027 e concertar día e hora no que percorrer o inmoble por dentro e por fóra.

Ademais, tan pronto como se abra o prazo de presentación de ofertas tamén se publicará no Facebook do Concello unha galería fotográfica do inmoble.

Share.