A concelleira de Participación de San Sadurniño, Raquel Piñeiro López, mantivo este serán un encontro informal cun grupo de mozas e mozos co obxectivo de pulsar a súa percepción sobre a marcha do municipio e, máis que nada, para coñecer as súas inquedanzas e propostas en ámbitos coma o lecer, a participación pública ou o ensino. Trala reunión, o Concello elaborará un plan de traballo para darlles máis voz nos asuntos públicos e favorecer a súa implicación no deseño das programacións.
A xuntanza, que tivo lugar na Casa da Xuventude, serviu para intercambiar impresións coa rapazada, na súa maioría integrante da Asociación Cultural Brío, que é neste momento unha das entidades máis activas de San Sadurniño en canto a programación xuvenil. De feito, Brío está moi enfocada desde hai anos na infancia e a adolescencia, para as que ofrece obradoiros de idiomas, fotografía, teatro, baile moderno, debuxo, creación literaria, etc., traballando sempre desde a perspectiva da igualdade de xénero e do fomento da expresión artística.
A responsable de Participación destacou ao remate do encontro cos mozos e mozas “o grande interese que teñen en facer cousas” e, nese sentido, comprometeuse a que desde o seu departamento e desde as áreas de Cultura e de Deportes “traballaremos con elas e eles para que os seus proxectos e iniciativas vaian adiante, porque teñen moitas ideas e moi boas”.
Piñeiro López tamén se referiu á “madureza” coa que a rapazada -toda con idades que andan á beira dos 15 anos- “analiza e expón os problemas que máis lles preocupan, relacionados co seu futuro, co ensino, co mundo das redes sociais ou por como desenvolverse plenamente como persoas nun municipio pequeno e rural coma o noso, onde hai inconvenientes con respecto ás grandes cidades, pero tamén moitas vantaxes”.
A concelleira tomou boa nota das achegas xuvenís durante a conversa, que se prolongou case dúas horas. Agora o Concello deseñará “unha folla de ruta” para favorecer unha maior participación da adolescencia na vida pública, empezando pola planificación de actividades dirixidas especificamente a elas e eles.