O Concello retomará a actividade física ao aire libre a partir do 15 de abril

0

A área municipal de Deportes vai reiniciar o calendario de exercicios nos Xardíns municipais que impulsara o pasado verán e que quedaron interrompidos a comezos do outono, coa chegada do mal tempo e da segunda onda da pandemia. Agora, con datos máis favorables, o Concello decidiu recuperar a actividade en grupos reducidos e cumprindo con todas as medidas de seguridade, aínda que sempre con un ollo posto nas posibles repuntas e nas restricións que poidan adoptar as autoridades sanitarias nas próximas semanas. A primeira sesión está programada para o 15 de abril e estará dirixida -igual que as demais- polo técnico municipal David Guiñazú. Para anotarse haberá que contactar con el no teléfono 672 942 426.

O monitor organizará rutinas adaptadas a todas as idades e ás necesidades obxectivas de cada participante. Estiramentos, relaxación, algo de cardio, traballo de forza e de flexibilidade…  Guiñazú verá primeiro como estamos e despois achegaranos táboas que poidamos levar adiante sen maior problema, co obxectivo de mellorar o noso estado xeral, fortalecer certas partes ou simplemente tonificar aquelas que precisan un chisco máis de atención.

As clases ao aire libre terán lugar nos xardíns do pazo e desenvolveranse os martes e xoves en dúas quendas de hora e media de duración: unha de 18.00 a 19.30h. e outra de 19.30 a 21.00h.

Os exercicios faranse en grupos reducidos -segundo o que estableza a normativa  nese momento- e, ademais,  as persoas participantes deberán gardar entre si a distancia de seguridade e utilizar máscara.

Para sumarse a esta iniciativa fai falla reservar antes chamando ao 672 942 426. Porén recoméndase que, se se ten pensado ir con regularidade, xa se faga reserva dunha tacada para todos os días en que se queira asistir.

Cómpre ter en conta tamén que as sesións se suspenderán puntualmente en caso de que vaia mal tempo e tamén con carácter indefinido se se incrementase o nivel de restricións.

Share.