O Concello renova os convenios nominativos coa AGFA e a Casa do Mel

0

O concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, e os presidentes da AGFA do Eume e da Asociación Casa do Mel, José Antonio Bellas e Manuel Ferreira, asinaron hoxe a media mañá os convenios de colaboración entre o Concello e as dúas entidades para a promoción da fructicultura e a apicultura ao longo deste 2022. Os acordos reflicten o apoio ao consistorio nestes dous ámbitos, pero tamén o mantemento da horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos e do colmear didáctico situados na finca da Cortiña. Ademais ambas asociacións comprométense a organizar cursos con desconto para a veciñanza de San Sadurniño e a colaborar no desenvolvemento doutras actividades de dinamización do sector primario. O importe dos acordos ascende a 4.000 euros no caso da AGFA do Eume e a 1.500 no da Asociación Casa do Mel.

Tal e como establece o convenio, a Asociación da Froita Autóctona do Eume  asume o compromiso de continuar diversificando a plantación da Cortiña con novas variedades ou repoñendo os pés que marren, xunto coa execución dos traballos necesarios para a conservación e mantemento da leira, entre eles os programas anuais de poda que aseguren a correcta produción da colección de especies.

Ademais tamén se recolle a colaboración da asociación na organización do concurso de froita autóctona da Feira Rural -onde se promocionan as castes tradicionais existentes nas comarcas de Ferrol, o Eume e Ortegal-  a comarca-  a encomenda de planificar as visitas ao recinto e a súa colaboración canda a Casa do Mel e a Asociación Agroecolóxica A Cortiña para organizar as xornadas anuais Apostando polo sector primario.  En Canto a formación, a entidade tamén se compromete a organizar un curso cunha duración mínima de 20 horas relacionado coa fructicultura, cun desconto do 50% para a veciñanza de San Sadurniño.

O convenio asinado coa Asociación Casa do Mel de Goente tamén delega neste colectivo o mantemento das colmeas  situadas ao pé da plantación de froiteiras. Deberán repoñer elementos deteriorados, protexer as abellas da velutina, ofrecerlle os coidados que requiran e mesmo contratar un seguro de responsabilidade civil polos danos que puidesen causar.

O acordo inclúe unha parte didáctica, vinculada á celebración dunha exposición apícola na Feira Rural e á organización do curso anual de introdución á apicultura  que se desenvolve habitualmente a mediados de primavera.  Igual que no caso da AGFA, este curso terá un desconto do 50%  para xente empadroada no concello e no caso de que non se xunte un grupo mínimo de 10 persoas para facelo en San Sadurniño podería integrarse nas actividades formativas que ofrece a Casa do Mel nas súas instalacións de Goente.

Por outra banda, a asociación apícola  deberá colaborar nas xornadas “Apostando polo sector primario”, promovidas polo Concello con axuda técnica da AGFA, da propia Casa do Mel e da Asociación Agroecolóxica A Cortiña, quen este ano tampouco suscribirá convenio.

Unha cláusula común nos dous acordos asinados hoxe é a de que tanto a Asociación Galega da Froita Autóctona como a Asociación Casa do Mel deben procurar coordinarse na realización de visitas guiadas -tanto para escolares como para outros grupos que as concertasen previamente-, co obxectivo de ofrecer unha visión integral do proxecto que se desenvolve na Cortiña en relación co papel polinizador das abellas e a importancia das propias árbores para o sostemento do colmear.

As entidades percibirán nestes días como adianto o 75% da cantidade asignada, mentres que o outro 25% se librará cara a finais de ano, cando presenten as facturas xustificativas dos gastos.

Share.