O Concello renova o convenio nominativo co CD Aldebarán

0

O Club Deportivo Aldebarán e máis o Concello reeditaron hai uns días o convenio nominativo para promover o volei no municipio. O acordo suporalle ao consistorio ter cubertas as escolas municipais  que sustentan a base do equipo, ademais de recibir apoio loxístico e técnico en cantas actividades desenvolva a área de Deportes en relación con esta disciplina. Pola súa banda, o club percibirá este ano 30.000 euros -a mesma cantidade que nas dúas últimas temporadas- e acceso preferente ás instalacións do pavillón municipal. A escuadra da Superliga Masculina enfronta esta fin de semana  un derbi decisivo contra o Arenal Emevé de Lugo, co deber inaprazable de conseguir unha moi necesaria victoria para cumprir o obxectivo da permanencia. O encontro disputarase o sábado ás 17:30h no pavillón municipal e poderá seguirse a través da TVG2, das canles do propio equipo ou, mellor aínda, indo ao partido para animar aos locais.

O presidente do Aldebarán, Uxío García, comentaba esta mañá que o equipo está mentalizado ao respecto dos próximos catro partidos, tres deles na casa e un a domicilio na cancha do Ibiza. García indica que encadear catro victorias “é algo alcanzable”, dado que as formacións contrincantes se encontran na metade inferior dunha táboa que empeza por abaixo o equipo local.

“Imos xogar tres partidos nos que a victoria é asequible”, asegura o directivo, engadindo que o último encontro na casa contra  CV Guaguas non pode tomarse como medida do estado de forma nin do ánimo dos azuis, posto que os visitantes canarios, a un nivel deportivo excepcional, está mandando con autoridade na clasificación da Superliga e, ademais, “é un dos mellores equipos de Europa” que nestes momentos está metido en cuartos de final da CEV Cup.

Para o Aldebarán-Intasa é momento de multiplicar esforzos e de sumar, máis que nunca, o apoio da afección. “Hai que animar á xente, que siga crendo nas nosas posibilidades porque aínda quedan moitos puntos en xogo que debemos aproveitar”.  Neste sentido, desde o club insisten na importancia de encher as bancadas nos partidos que aínda quedan por xogar na casa. O primeiro é o derbi cos lugueses do Arenal Emevé este mesmo sábado ás 17:30h, nun encontro que será emitido ao vivo pola TVG2.

Convenio nominativo
O Club Deportivo Aldebarán e o Concello asinaron recentemente o acordo de colaboración para seguir promovendo a aprendizaxe e a práctica do volei no municipio.

A achega municipal ascende neste 2022 a 30.000 euros, mantendo a mesma contía que nos dous últimos anos. O apoio do consistorio diríxese tanto ao mantemento das escolas municipais como ao financiamento da actividade do club, integrado por nove equipos: alevín, cadete, xuvenil e senior feminino e alevín, infantil, cadete, junior e senior en masculino. As formacións das distintas competicións andan á beira do centenar de fichas federativas.

Share.