O Concello mantén aberta durante todo o ano a posibilidade de presentar instancias para entrar formar parte das listas de contratación do Servizo de Axuda no Fogar. Porén, as solicitudes de nova incorporación e as de revisión dos méritos de quen xa forma parte da lista revísanse e actualízanse nos meses de febreiro, xuño e outubro. Quen queira formar parte das listas de contratación do SAF ou quen estando xa nelas queira que se lle recoñeza experiencia laboral ou formación, ten que presentar a correspondente solicitude antes do día 5 dos meses de outubro, febreiro e xuño. Dito doutro xeito, para entrar na seguinte convocatoria hai que presentar a solicitude no Rexistro municipal, na Sede Electrónica ou por correo postal antes do 5 do mes que vén.
As bases que regulan a entrada nas bolsas de traballo do SAF están publicadas desde o ano 2011 e nelas indícase que as actualizacións de méritos e a incorporación de novas persoas aspirantes se farán en tres procesos anuais mediante concurso de méritos no que se valora a experiencia e a formación.
Os requisitos básicos son ter a cidadanía comunitaria -ou encontrarse en calquera outro dos supostos para poder traballar en calquera país da UE-, ter feitos os 16 anos e non padecer ningunha enfermidade ou problema físico que impida o desempeño dos labores propios do posto. Tamén se require que non haxa causas de incompatibilidade ou incapacidade recollidas na lexislación vixente e, como titulación, pídese a de formación profesional de grado medio en Atención Sociosanitaria, ou ben estar en posesión -ou en vías de obtelo- do certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio. Tamén fai falla posuír o permiso de conducir B.
Cumprindo as condicións, para acceder á bolsa só hai que presentar cuberta esta solicitude e achegar a documentación requirida, ademais das certificacións dos méritos que se aleguen para mellorar a puntuación. Por experiencia laboral poden obterse ata 25 puntos, 30 polos cursos, ata cinco máis polos distintos títulos do CELGA, 5 por atoparse en situación de desemprego e 5 puntos por ter unha discapacidade -que non impida o desempeño do posto- igual ou superior ao 33%.
As comisións cualificadoras, formadas por persoal municipal, reúnese na segunda quincena dos meses de febreiro, xuño e outubro, de modo que para entrar na bolsa en cada unha das tres quendas anuais é necesario achegar a solicitude e a documentación antes do día 5 deses meses. Por iso, todas as persoas interesadas en entrar formar parte da bolsa deben bulir e ir presentando xa os papeis a través da Sede Electrónica, presencialmente no Rexistro Municipal ou enviándoos por correo postal (postal, non electrónico).
Bases da bolsa
Folla de solicitude de participación .docx
Folla de solicitude de participación .pdf