O Concello porá en marcha o 7 de novembro un novo servizo gratuíto de asesoramento catastral

0

Debido á importancia que teñen as tramitacións perante o Catastro para moitas persoas, e co ánimo de mellorar os servizos prestados, o Concello decidiu contratar unha empresa que atenda de balde as consultas máis comúns que necesitedes facer, ademais de recibir un asesoramento axeitado. Este novo servizo gratuíto funcionará desde o próximo 7 de novembro o primeiro e terceiro luns de cada mes entre as 11:00 e as 13:00h na oficina que hai situada ao lado do salón de plenos, na planta baixa do Casa do Concello. Iso si, fai falla pedir cita previa chamando ao 981 490 027.

Da atención gratuíta encargarase a empresa Gainto S.L, que conta con profesionais especializados en informar e asesorar sobre múltiples trámites catastrais. As cuestións principais nas que poderán axudarnos son:

  • A consulta de expedientes logo de recibirmos cartas ou notificacións do Catastro
  • O asesoramento e axuda sobre os pasos que debemos dar á hora de facer xestións no Catastro
  • Información e asesoramento sobre trámites coa Deputación provincial relacionados coa “contribución”, xa que o cobro do Imposto de Bens Inmobles está delegado nese organismo
  • A preparación de alegacións en expedientes abertos e a verificación de que presentamos toda a documentación necesaria para darlles resposta
  • A axuda nas solicitudes de cambios, altas e modificacións de inmobles
  • E o posterior seguimento dos expedientes

É importante insistir en que para calquera trámite relacionado co Catastro teremos que solicitar cita previa no 981 490 027. Tamén recordamos que as persoas usuarias deste novo servizo deben levar toda a documentación da que dispoñan sobre o asunto que desexen tratar.

Anotade de novo os días e horarios a partir do 7 de novembro: primeiro e terceiro luns de mes de 11:00 a 13:00h na oficina que hai ao lado do salón de plenos. Se o luns cadrase en festivo, a oficina dará vez para o día seguinte (martes).

Share.