O Concello e AGAXEDE ofrecen un curso acelerado para clubes sobre xestión deportiva post-covid

0

Estamos aínda en plena pandemia e debemos seguir coidándonos moito mentres non se obteña a ansiada inmunidade de grupo proporcionada polas vacinas. A seguridade e unha certa normalidade aínda han tardar tempo en chegar e, por se fose pouco, a posibilidade dunha cuarta onda é moi real. Unha das repercusións máis palpables da actual situación é a interrupción das actividades e competicións deportivas de moitos clubes que, no mellor dos casos, se esforzan por manter en marcha os seus proxectos. Para eles o Concello e maila AGAXEDE -a asociación formada polo persoal de xestión deportiva de Galicia- organizan unha sesión formativa a través de Zoom na que se lles darán as claves para deseñar un Plan de Continxencia para a Xestión Post-COVID dun club ou calquera outra entidade relacionada co deporte. O curso -de tan só unha sesión e gratuíto- desenvolverase o 29 de abril a partir das 19.30h. e fai falla inscribirse a través desta ligazón.

Os equipos federados que participan en competicións teñen que seguir estritos protocolos preventivos definidos por cada federación, ou ben as guías publicadas pola Fundación Deporte Galego, que tocan tanto as cuestións de seguridade como de reinicio progresivo da actividade.

Porén, hai tamén casos en que as competicións aínda non volveron e onde o traballo está ao ralentí ou directamente interrompido -o fútbol afeccionado e de base é un claro exemplo- ante a dificultade da aplicación práctica dos protocolos, sobre todo cando se trata de deportes de equipo, deportes que se practican en instalacións pechadas ou clubs pouco dimensionados que non teñen capacidade para asumir a responsabilidade que implica o cumprimento da normativa preventiva en calquera actividade que se organice.

O contido principal desta sesión dixital organizada pola AGAXEDE e o Concello centrarase precisamente achegar as directrices básicas para a elaboración dun plan de continxencia post-COVID para a xestión dun club e,  principalmente, as pautas para ir volvendo á actividade, os protocolos preventivos obrigatorios e a definición da figura da persoa responsable COVID-19, encargada de supervisar a aplicación efectiva do plan de prevención.

Para impartir a xornada, a AGAXEDE convidou a Joan Celma, exdirector do Club Natación Terrassa, ademais de un dos gurús da organización e o management deportivo en España e autor de varios manuais de xestión de instalacións e proxectos relacionados co deporte.

O curso está orientado a persoal técnico e directivo dos clubs e entidades deportivas de San Sadurniño, pero tamén a persoas asociadas a AGAXEDE. Para participar nel abondará con inscribirse a través deste formulario e, sobra dicilo, dispor de conexión á rede e un dispositivo que permita seguilo a través de Zoom (a organización facilitará a ligazón chegado o momento).

As persoas participantes na formación recibirán un diploma certificado pola Escola Galega do Deporte, a AGAXEDE e a FAGDE.

 

Share.