O Concello organiza unha nova xeoruta polo Castro e o Forgoselo o día 18 de xullo

0

O xeólogo Francisco Canosa dirixirá o sábado 18 un itinerario no que poderemos descubrir a riqueza xeolóxica da zona do Forgoselo e tamén do val do río Castro, que delimitan polo sur o ámbito do proxecto do xeoparque do Cabo Ortegal. A ruta comezará ás 10 da mañá ao pé do castelo de Naraío, onde Canosa ofrecerá unha breve explicación sobre os períodos xeolóxicos da Terra para contextualizar neles o nacemento do bloque granítico do Forgoselo, a maneira en que se produciu a grande falla pola que discorre o río ou o proceso de formación das pías, dos bolos e das pedras cabaleiras que lle dán identidade á paisaxe. Para participar na ruta, que é gratuíta, hai que chamar ao Concello -981 490 027- e cómpre bulir, xa que só se ofrecen 20 prazas dándolle prioridade á veciñanza de San Sadurniño. O prazo de solicitude finaliza o mércores 15 ás 14.00h.

A un lado e outro do río Castro existen dúas paisaxes xeolóxicas ben diferenzadas. Na ribeira sur destacan paredes rochosas de granito -observables desde o castelo de Naraío- pertencentes ás estribacións do grande bloque do Forgoselo, mentres que na ribeira norte existe unha grande área de pizarras e sedimentos areosos. No medio está a falla que vai desde As Pontes ata Valdoviño, un punto de encontro entre dous bloques tectónicos que debeu ser moi activo hai 65 millóns de anos e polo que a auga empezou a discorrer creando o val do río. Porén, a falla non é uniforme. Nos mapas xeolóxicos pode verse como a liña que vén dereitiña desde As Pontes torce 45º ao sur xusto onde se atopa o promontorio onde se atopa a fortaleza.

Ese cambio de rumbo cadra nas fervenzas que hai entre a presa da central e o lugar de Riolimpo. Nelas tamén se pode observar o fenómeno xeolóxico das pías, que veñen ser os ocos que se forman nas rochas por causa da acción da auga e de pequenas pedras cautivas dentro deles que actúan coma a pedra dun muíño. Andando o tempo, as pías poden ir aumentando de tamaño e chegar a converterse no que a ciencia denomina “marmitas de xigante“.

Ao pé da fervenza situada trala central hidroeléctrica do Castro poden verse varios exemplos incipientes deste fenómeno e, canda eles, tamén o dos “bolos” ou grandes rochas de granito formadas a partir de bloques maiores que se fragmentaron no interior da terra e que quedaron rodeados de materiais máis brandos. En tan só uns metros de distancia hai dous exemplos dos distintos momentos dun bolo. No lateral norte da central eléctrica fíxose hai algún tempo un desmonte transversal do terreo que deixou ao descuberto  grandes rochas  que parecen estar aboiando entre arxila e grava. Ao outro lado do edificio aprézase un exemplo máis avanzado, con dous penedos -os bolos- xa desprovistos doutros materiais pousados sobre o terreo.

O fenómeno dos bolos aínda é máis visible na zona de Racamonde -segunda parada da xeoruta do día 18-, no límite noroeste do Forgoselo. Alí a erosión do envoltorio das pedras graníticas deixou as rochas unhas enriba doutras formando as denominadas “pedras cabaleiras” que en moitos casos desafían as leis da gravidade. Francisco Canosa comentará como se crean estas figuras litolóxicas que adoitan presentar tamén pías e taffonis, formas menores das paisaxes graníticas que, a diferenza das pías dos ríos, se forman pola erosión da auga apozando e evacuando nun mesmo punto durante xeracións.

Ese será, a grandes trazos, o contido dun itinerario que comezará ás 10 da mañá no castelo de Naraío. As persoas participantes deixarán alí o coche e, en primeiro lugar, subirán á fortaleza para ver os rochedos do Saíme e escoitar a explicación das eras xeolóxicas. Logo baixarán a pé até Riolimpo, onde se verán os primeiros momentos das pías e dos bolos e, posteriormente, regresarán ao castelo para coller os coches e subir a Racamonde, onde se fará un pequeno traxecto a pé até o punto máis elevado do concello seguindo a pista do parque eólico. Polo camiño faranse varias paradas para identificar as peculiariedades xeolóxicas da zona, desde onde se ten unha vista xeral da práctica totalidade do territorio comprendido no proxecto de xeoparque do Cabo Ortegal.

A xeoruta está reservada para un grupo máximo de 20 persoas. Para anotarse hai que chamar  ao Concello –981 490 027– en horario de mañá antes das 14.00h. do mércores 15 de xullo. Nas inscricións daráselle preferencia á orde de petición e a persoas empadroadas en San Sadurniño.

Turismo slow e interior
Francisco Canosa guiará ao longo deste verán máis de 40 rutas polo ámbito do proxecto de xeoparque. Parte delas xa se desenvolveron nas últimas semanas no litoral cedeirés e por Mina Piquito, en Moeche. Esta fin de semana -de venres a domingo- hai outras tres: dúas pola costa de Cedeira, outra á praia de Teixidelo e, a cuarta, que percorrerá o itinerario do Toelo en Moeche o domingo pola mañá. A información pode consultarse no blog rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com ou na web do proxecto do xeoparque.

O xeólogo sinala que este ano está notando un maior interese por este tipo de propostas que combinan ciencia e actividade ao aire libre por recunchos afastados de aglomeracións. Ademais, segundo Canosa, “hai máis participantes de Galicia que doutras zonas do Estado, incluso nas xeorutas de Cedeira que noutros anos contaban con moita xente de Madrid que viña pasar o verán”.

Share.