O Concello ofrecerá sesións gratuítas de ximnasia na auga para persoas adultas durante o mes de xullo

0

O Concello de San Sadurniño amplía a oferta da piscina municipal coa posta en marcha de sesións de ximnasia na auga para persoas maiores de 16 anos. A iniciativa, totalmente gratuíta, comezará o martes 7 de xullo e desenvolverase os martes e xoves, de 11:15 a 12:00h, durante todo o mes. O prazo de inscrición xa está aberto e pode formalizarse chamando ao teléfono 647 491 371. A actividade realizarase na zona de menor calado da piscina municipal, polo que non será necesario saber nadar para participar. Trátase dunha proba piloto para ver se de cara ao ano que vén habería suficiente demanda para ofertar a actividade durante todo o verán, incluída no catálogo de cursos estivais.

A ximnasia na auga é unha modalidade de exercicio físico especialmente recomendable para mellorar a mobilidade, a forza, a coordinación e a capacidade cardiovascular, minimizando ao mesmo tempo a carga que deben soportar as xogas. E é que a flotabilidade que ofrece a auga facilita os movementos e diminúe o peso sobre os xeonllos e os cadrís, de modo que calquera persoa, teña a condición física que teña, poida realizar exercicio con maior comodidade e sen risco de sobrecargas musculares e articulares.

Estas vantaxes fan que sexa unha actividade moi beneficiosa a calquera idade, pero especialmente para as persoas con máis anos, ás que lles resulta máis doado exercitarse mantendo o equilibrio grazas ao apoio que ofrece a auga.

As sesións desenvolveranse sempre na zona menos fonda da piscina, onde se fai pé en todo momento, con exercicios sinxelos e adaptados a todos os niveis dirixidos polo técnico municipal de Deportes, que conta tamén coa titulación de socorrista.

A piscina municipal dispón, ademais, dunha cadeira elevadora que lles facilita a entrada e saída no vaso ás persoas con dificultades para utilizar as escadas laterais, favorecendo así que a actividade resulte máis accesible para quen se valla por si pero que poida precisar algo de axuda para meterse e saír da auga.

As clases comezarán o 7 de xullo e serán todos os martes e xoves até o 30 de xullo, de 11:15 a 12:00 horas. Están dirixidas a persoas maiores de 16 anos, son gratuítas e as inscricións poden facerse chamando ao 647 491 371.

Malia que a actividade só se ofertará en xullo como proba piloto, co obxectivo de ver se hai demanda para implantala o próximo ano, as persoas participantes poderán aprender unha serie de exercicios moi básicos e fáciles de lembrar para seguir practicándoos de maneira autónoma tamén en agosto e no que reste de verán (que disque vai vir longo e caloroso), xa sexa na piscina, na praia, no río ou en calquera outro lugar onde vaian refrescarse.

Share.