O Concello ofrece un servizo de canguraxe gratuíto para as familias da Escola Infantil Municipal

0

Desde este mércores 24 de xuño e ata o día 29, ambos incluídos, as familias con crianzas matriculadas no presente curso na EIM A Rolada poderán solicitar o servizo de canguraxe a domicilio que ofrece de forma gratuíta a área de Igualdade. A iniciativa vén suplir o peche da escola infantil no que resta de curso e aquelas familias que non teñan outra opción para conciliar durante xullo e agosto disporán dun paquete global de 400 horas -ata 80 por unidade familiar- que poderán distribuír segundo as súas necesidades, aínda que sempre de luns a venres en horario de 8.00 a 16.00h. As solicitudes hai que presentalas a través da Sede Electrónica ou ben de maneira presencial pedindo cita previa no 981 490 027.

A Escola Infantil Municipal A Rolada permanece pechada desde o pasado 13 de marzo, xusto antes de que se decretase o Estado de Alarma e xusto no día en que a Xunta de Galicia recomendou clausurar centros de ensino, centros de atención á infancia e centros de día. Porén, unha vez superadas todas as fases da desescalada, as escolas infantís deben continuar pechadas por razóns preventivas e, de feito, a Consellaría de Política Social aínda non achegou os protocolos que se deberán seguir para que poidan retomar a súa actividade.

Así as cousas son moitas as familias que deben buscar a vida para mirar dos seus nenos e nenas mentres os pais traballan, á espera de que a situación se normalice. O recurso habitual son as avoas e os avós ou outros parentes cercanos. Pero aínda así hai quen non ten a ninguén no seu entorno para conciliar e, coa que está caendo, pedir redución de xornada ou unha excedencia non é unha opción.

É precisamente a eses casos aos que se dirixe o servizo de canguraxe no domicilio que porá en marcha durante os meses de xullo e agosto a área de Igualdade, dirixido a familias con nenas e nenos matriculados na Escola Infantil Municipal A Rolada durante o presente curso 2019/2020. Trátase dun servizo totalmente gratuíto que conta cun montante global de 400 horas. Estímase un máximo de 80 horas por familia -o número dependerá do total de solicitudes e dos horarios demandados- que cada caso poderá repartir de maneira flexible dependendo das súas necesidades.

O programa de canguraxe está financiado cos fondos do POS Social da Deputación da Coruña, proporcionado aos concellos para sufragar gastos, investimentos e servizos relacionados coa COVID-19. Da parte educativa e de atención encargarase o equipo docente da Rolada -Bolboreta S.C.- quen prestará na casa practicamente o mesmo servizo que na escola: coidar as crianzas, darlles a merenda, cambialas e, tamén fundamental, xogar con elas e proporlles actividades de aprendizaxe e estimulación adaptadas a cada idade, sempre cun programa personalizado que priorice o benestar e a coeducación da crianza.

A empresa conta cun equipo profesional e especializado e, ademais,  tanto a rapazada como as familias xa coñecen á maioría das mestras.  É máis, seguramente nin as meniñas e meniños nin os pais e nais  precisarán período de adaptación, xa que durante o confinamento seguiron mantendo contacto semanal por whatsapp e videoconferencia.

As familias deberán presentar na solicitude unha estimación das horas e as datas que precisan. Excepcionalmente poderán ampliarse por motivos xustificados, sempre que haxa horas dispoñibles na bolsa global e sen superar o límite marcado das 80 horas/familia. Tamén deberán achegar un volante de empadroamento, unha acreditación documental -nóminas, contratos, certificacións expedidas pola empresa, etc.- onde se deixe constancia da súa situación laboral actual -co obxectivo de verificar a imposibilidade de  conciliar de ambos proxenitores- e cubrir un impreso de declaración responsable sobre a COVID-19 indicando que ningunha persoa da unidade familiar tivo síntomas identificables cos da enfermidade nin tampouco contacto con persoas diagnosticadas. Na declaración tamén se recolle o compromiso de comunicar de forma inmediata calquera síntoma e de adoptar todas as medidas preventivas de contaxios.

Cómpre ter en conta que este servizo  pode complementarse co Bono coidado extraordinario da Xunta, é dicir, se algunha familia precisa máis horas das ofrecidas de balde polo Concello, poderá solicitarlle directamente á empresa unha ampliación horaria, aínda que asumindo os custes pola súa conta. Eses gastos a maiores entrarían dentro dos supostos cubertos polo bono autonómico, que se pode solicitar até o 13 de xullo.

O servizo de canguraxe do Concello -só para alumnado de  0 a 3 anos matriculado na EIM- finalizará en todo caso o 31 de agosto, data na que tamén remataría o curso 2019/2020. As solicitudes hai que presentalas entre o 24 e o 29 de xuño preferentemente a través da Sede Electrónica municipal ou presencialmente entre as 8.30 e as 14.30h. pedindo cita previa no teléfono 981 49 00 27.

Documentación descargable:
Bases do programa
Anexos I e II en .pdf (poden cubrirse directamente no navegador e logo gardarse para imprimir ou para anexar á solicitude xenérica da Sede Electrónica)

É importante lembrar que tamén se debe presentar un volante de empadroamento e a documentación acreditativa da situación laboral que xustifique a necesidade do servizo.

Share.