O Concello de San Sadurniño ten en marcha a licitación do acondicionamento da nave municipal do departamento de Obras -coñecida como a “nave de Carnero”-, por un importe de 158.750,02 euros, IVE incluído. O proxecto céntrase na renovación da cuberta, a reorganización dunha parte do interior e a mellora de varios elementos construtivos e instalacións. As empresas interesadas teñen ata as 23:59 horas do martes 15 de setembro para presentar as ofertas e, unha vez adxudicado e asinado o contrato, os traballos deberán completarse nun prazo máximo de tres meses. O investimento financiarase cunha achega de 127.000 euros da Deputación da Coruña.
Unha das principais necesidades que resolve o proxecto está na cuberta actual, de placas de fibrocemento con amianto e nun estado que fai necesario substituíla. Por iso, ao abeiro desta intervención retiraranse e trataranse conforme á normativa específica todas as placas de uralita para, posteriormente, colocar no seu lugar un novo tellado de panel sándwich xunto cos seus canalóns e baixantes.
No interior -de 924 m² construídos e algo máis de 826 m² de superficie útil- manterase o gran espazo diáfano que caracteriza a nave, pero habilitaranse tres dependencias na zona sur. O proxecto prevé crear un vestiario, unha oficina e un almacén, aproveitando e reorganizando os espazos existentes. Tamén se ampliará unha das portas de acceso para permitir a entrada de elementos de maior tamaño.
As obras inclúen igualmente a renovación de instalacións de fontanaría, saneamento e electricidade, así como melloras relacionadas coa protección contra incendios, a accesibilidade e as condicións de salubridade. No exterior está previsto revestir e pintar as fachadas e instalar unha nova porta seccional industrial de tres por tres metros.
Estas actuacións que agora se sacan a contratación chegan despois dun longo período no que o Concello utilizou o inmoble en réxime de alugueiro. A nave estivo arrendada durante case trinta anos, ata que a Administración local se fixo coa propiedade mediante un crédito sen xuros do Fondo de Cooperación Local, abrindo así a posibilidade de acometer obras encamiñadas tanto á mellora da funcionalidade do edificio como á súa integración paisaxística na que é, de feito, unha das portas de entrada ao centro urbano de San Sadurniño.
Neste sentido, o proxecto vén ser a primeira fase dun lavado de cara moito máis amplo. E é que, mentres que os traballos inminentes se concentrarán no edificio e nalgúns elementos exteriores, o Concello xa está preparando unha segunda fase destinada a acondicionar o conxunto da parcela e ordenar a súa contorna. A intención é inserir este espazo no corredor verde que conecta o paseo fluvial cos xardíns municipais, dando continuidade á mellora dos espazos públicos situados nese ámbito.
“A obra que temos en licitación ten como obxectivo principal mellorar a utilidade do edificio e as condicións de traballo do persoal de obras, ademais de poñer orde nun espazo onde se almacena material de todo tipo. Facelo ofrécenos a oportunidade de empezar a mellorar o aspecto xeral de toda esta zona, que era algo pendente desde hai moito tempo”, comenta o alcalde, Secundino García Casal.
O prazo para presentar ofertas para a reparación da cuberta, a envolvente e o interior da nave de Obras remata ás 23:59 horas do martes 15 de setembro. A documentación da licitación e as condicións do contrato poden consultarse no perfil do contratante do Concello.