O Concello licita tres proxectos viarios financiados polo POS+ provincial

0

O Concello acaba de publicar na Plataforma de contratación co Sector público as licitacións correspondentes aos proxectos financiados coa parte fixa do Plan Único da Deputación da Coruña. Son tres actuacións viarias que engloban a reparación de oito pistas de Santa Mariña, Lamas, Igrexafeita e Naraío. Cerca de 5,2 quilómetros da rede municipal nos que se prevén investir, con distintos orzamentos, un total de 164.000 euros. As empresas interesadas en executar estes traballos teñen até as 23:59h do próximo 24 de abril para presentar as súas propostas económicas. 

O primeiro dos proxectos -segundo se encontra publicado na Plataforma de contratación- define as características técnicas dos dous camiños que se van amañar en Igrexafeita, orzamentados en case 61.000 euros.

O de maior distancia é o que baixa desde a antiga estrada das Pontes até o lugar de Bouzamaior. 1.375 metros de percorrido aos que se lles vai facer unha limpeza das cunetas, taparlle os baches e botarlles unha nova capa de asfalto. Ademais tamén se aproveitará para ampliar o pavimento uns 175 metros, de cara a darlle servizo á vivenda máis afastada do núcleo principal de Bouzamaior.

Nesta mesma actuación tamén se inclúe a reparación da pista do Outeiro. Son 545 metros que empezan e rematan na AC-861. O camiño ten uns 200 metros asfaltados -os dous extremos que conectan coa estrada vella das pontes-, mentres que na zona máis elevada o firme é de grava fina. Tal e como aparece definido na documentación, agora vaise pavimentar todo o trazado.

O segundo plan do POS+ que figura na Plataforma de contratación é o referido ás pistas de Vilanova (525 m) e O Chao-A Laxe (475 m), en Lamas, e á que vai desde A Barcia ata Os Foxos, en Naraío, de 480 metros de lonxitude.  En todas elas vai aplicarse a mesma solución técnica que, de feito, será a que se poña en práctica en toda esta remesa de proxectos: primeiro pasarlles a coitela ás cunetas para retirar a terra e a materia vexetal, logo facer unha limpeza en profundidade da calzada e, finalmente, dar tratamentos de asfalto e saburra, previo tapado de baches e igualado da rasante dos puntos afundidos. O importe dos traballos está cifrado en 45.325,92 euros, impostos incluídos.

Dentro do terceiro dos proxectos do Plan Único provincial tamén se van arranxar en Lamas a pista de Bouzarrara a Pramado, de 900 metros de distancia, e un camiño de terra que lle dá acceso a dúas vivendas nas Leiras. Este último suma 120 metros nos que, ademais de preparar a base para asfaltar, tamén fará falla acondicionar cunetas e instalar conducións soterradas para a evacuación de pluviais.  Neste proxecto, orzamentado en 57.755,18 euros, tamén vai a reparación da pista desde Sabanda ata A Pena, en Santa Mariña do Monte, que mide 770 metros de lonxitude.

As empresas que queiran propor as súas ofertas para executar calquera destas obras -ou todas- teñen de prazo ata as 23:59h do xoves 24 de abril. Toda a información -pregos técnicos e administrativos e outros documentos- pode descargarse da Plataforma de contratación co Sector Público do Concello de San Sadurniño.

O alcalde, Secundino García Casal, apunta que este ano o Concello adiantou as licitacións “para adiantar tamén a execución das obras”. O rexedor precisa que a Deputación ratificará o plan de cooperación “seguramente no pleno de maio”, de maneira que a tramitación do POS+ na sede provincial e a contratación das obras en San Sadurniño “serán case simultáneas, o que nos permitirá ganar tempo para que os traballos poidan desenvolverse nos meses en que se agarda mellor tempo, sen demorarnos máis da conta como ocorreu co POS+ do ano pasado”.

Outras pistas
García Casal engade, por outra banda, que estes proxectos “non serán os únicos” que se liciten en San Sadurniño ao longo deste ano 2025. O alcalde cita a este respecto o Plan Camiña Rural -o antigo Plan de Camiños da AGADER- co que tamén se deseñou un proxecto de 104.000 euros para aglomerar o eixo  As Ramisqueiras-As Leiras-Vilela, no Camiño Arriba, de 1,2 quilómetros. Dentro desta actuación tamén se incluírá a reparación de dúas pistas entre A Pena e Vilachá.

Ademais destas intervencións, xa confirmadas, o Concello agarda poder levar a cabo outras que foron incluídas no Plan Complementario da Deputación, “que se executarán no momento en que o ente provincial libere novas partidas económicas a través dos plans adicionais”, explica Secundino García.

En espera deste financiamento a maiores encóntranse os aglomerados  Vilela-Bouzarrara-A Fontela, no Camiño Arriba, e o do tramo A Fontela-O Fabal-AC-862.  En canto a asfaltados, están previstos o de Cadavás e o da pista Os Pontigos-Piñeiros, en Ferreira; os camiños que van desde A Fraguela até As Costeiras e desde A Fraguela ata a Casatellada, en Igrexafeita; e, pechando o listado, a reparación da pista que conecta os lugares da Ferraría, O Batán, Pielas e A Cernada, no fondo de Naraío, xunto coa que vai desde Quintiá até o límite coa Capela, preto de Formariz.

Share.