O Concello de San Sadurniño publicou o venres na Plataforma de contratación co Sector público os pregos técnicos e administrativos correspondentes á licitación das obras de reparación da piscina municipal, cuantificadas en algo máis de 64.000 euros. O proxecto prevé mellorar as condicións do vaso e do seu perímetro, ademais da substitución dos canalóns dos vestiarios. Para levalo a cabo, o Goberno local xestionou perante a Deputación da Coruña unha subvención nominativa -aprobada no pleno provincial do pasado 29 de novembro- que cubrirá cerca do 80% do investimento necesario. As empresas interesadas en concorrer ao contrato teñen ata as 23:59h do próximo 26 de decembro para presentaren as súas ofertas.
Tras máis de 25 anos da súa apertura ao público, e aínda facéndolle todos os anos labores de mantemento, a piscina municipal de San Sadurniño acusa o paso do tempo. Tal é así que o gresite -os pequenos cadradiños que cobren o fondo e os laterais do vaso- está empezando a desprenderse nalgúns puntos, o que implica a posibilidade de que se produzan filtracións ao subsolo e incluso o perigo de que as persoas usuarias poidan mancarse nos bordos que deixan as teselas desprendidas.
Así as cousas, o proxecto encargado polo Concello pretende recubrir todo o vaso -25 metros de longo por 12,50 de ancho e 1,30 de alto na zona máis fonda- cunha lámina armada de PVC totalmente impermeable e de alta resistencia. Este material cubrirá até a canaleta perimetral de rebose e irá colocado sobre unha especie de manta xeotéxtil de polipropileno con propiedades antifúnxicas. Para instalar as dúas capas de impermeabilización non será necesario retirar a antiga superficie de gresite.
A maiores das actuacións no vaso, o proxecto tamén recolle melloras no exterior, concretamente no peche perimetral de malla metálica e no sistema de evacuación de pluviais dos vestiarios.
No primeiro caso retiraranse a rede flexible e máis os postes actuais para cambialos por paneis de malla electrosoldada e soportes específicos que rodearán toda a instalación respectando as alturas actuais. Iso si, antes de facer o novo cerramento haberá que reparar e reforzar o murete duns 60 centímetros de altura que flanquea a piscina polo leste ao longo duns 35 metros.
A outra intervención prevista executarase na cuberta dos vestiarios e do ambigú. Neste caso instalaranse tres canalóns de zinc duns 25 por 25 centímetros e máis de 15 metros de lonxitude, que irán ancorados aos piares e sometidos por debaixo do panel sándwich da cuberta.
O importe total de materiais, man de obra, gastos xerais, beneficio industrial e IVE ascende a 64.083,11 euros. Ese é o prezo base da licitación aberta o venres polo Concello mediante procedemento aberto simplificado, á que as empresas interesadas poderán concorrer ata as 23:59h do día 26 de decembro. Algo máis do 78% do importe final da adxudicación cubrirase cunha subvención nominativa da Deputación da Coruña, que aprobou no pleno do pasado 29 de novembro contribuír ao proxecto con 50.000 euros (a contía final axustarase ao prezo da oferta ganadora).