O Concello lembra a obriga de comunicar previamente as fogueiras do San Xoán

0

Vanse achegando as datas da celebración do solsticio de verán coas lumeiradas dos días de San Xoán e de San Pedro. Malia que se trata dunha tradición milenaria, é preciso lembrar que cando se anda con lume é preciso tomar medidas preventivas e actuar de forma responsable. Por este motivo, para ter un control das fogueiras e saltas que se van celebrar no territorio, e co propósito de ter informado ao Distrito forestal, fai falla presentar unha comunicación no Concello indicando onde se vai facer.  Os impresos están nas oficinas municipais, ou na ligazón que hai un pouco máis abaixo, e hainos que presentar no Rexistro municipal.

A noite das lumeiradas -ou “saltas”- do San Xoán, que este ano cadra en sábado, é o arranque oficial das festas do verán. Coincidir en fin de semana e, posiblemente, con bo tempo, son dúas circunstancias que han levar a moitas entidades e particulares do territorio a armar a súa cacharela do solsticio. Unha tradición de orixes incertas asimilada logo polo cristianismo que semella estar xa impresa no adn cultural de Galicia.

En calquera caso, o primeiro no que hai que pensar é na seguridade e na obriga de comunicar previamente a data e o lugar da lumeirada. Para iso hai que cubrir a folla normalizada e entregala no rexistro do Concello de cara a que este lla faga chegar despois ao Distrito forestal I de Ferrol.

A tradición manda e por todo o territorio haberá ducias de fogueiras que saltar antes de continuar cos rituais dunha noite coa que se lle dá a benvida ao verán. Para que non haxa sorpresas desagradables cómpre tomar algunhas precaucións:

  • Non deben facerse fogueiras dunha altura elevada, nin preto de lugrares con vextación ou a menos de 10 metros de tendidos eléctricos ou telefónicos
  • Non se poden facer lumeiradas preto de locais ou depósitos que conteñan materiais inflamables, nin tampouco preto de infraestruturas e elementos -públicos ou privados- que poidan verse afectados
  • Non está permitido prender a fogueira se existe un exceso de vento
  • Cómpre evitar usar nas fogueiras materiais que xeren grandes charamuscas (pólas de eucalipto con follas secas, papeis, etc…) que poden chegar acesas moi lonxe
  • É necesario ter auga preto para actuar ante posibles escapes
  • Non se permiten empregar na fogueira materias contaminantes (pneumáticos, aerosois…)
  • Cómpre deixar a fogueira completamente apagada antes de marchar
  • En caso de haber algún problema hai que chamar ós teléfonos 085 ou 112 (a chamada é gratuíta)

Todos estes consellos veñen recollidos no modelo de comunicación publicado polo Concello. Quen vaia organizar unha salta -aínda que sexa na casa- terá que cubrir o impreso e presentala no rexistro municipal para levar un control máis exhaustivo dos focos que vai haber tanto na noite do 23   como nos días posteriores, xa que aínda queda xente que celebra tamén con lume o San Pedro.

O impreso de comunicación previa recolle, ademais, os compromisos que adquire a persoa ou entidade solicitante, como é o de facer unha devasa rozando ou retirando o material combustible nun radio mínimo de cinco metros desde o borde da fogueira; o de non poñerlle lume se hai vento e apagala  inmediatamente se levanta o aire; non marchar ata que o lume estea totalmente apagado e, por último, o de contar con todos os medios e persoal necesarios para ter controlado o lume.

Impreso de comunicación que se deberá entregar no Concello (.pdf)

Share.