O Concello investirá 94.000 euros no aglomerado da pista A Veiga-O Castro, en Bardaos

0

O Concello de San Sadurniño celebrou a principios deste mes de novembro un pleno extraordinario centrado no incremento de varias partidas orzamentarias dedicando a elas os remanentes cos que se pechou a conta do ano pasado. Son cerca de 236.000 euros que se incorporaron ao presente exercicio para levar a cabo investimentos en equipamentos, servizos e, sobre todo, na rede viaria. O proxecto de maior importe financiado cos fondos municipais será o aglomerado da pista entre A Veiga e O Castro, en Bardaos, cuantificado en 94.409,48 euros. Unha actuación que xa está na fase de licitación pública cun prazo para presentar propostas que finaliza o próximo 29 de novembro.

A obra incluírase como previsión no Plan Complementario da Deputación, en espera de que o ente supramunicipal liberase unha partida adicional ao longo deste ano para poder executala. Finalmente o proxecto non se acolleu ao financiamento provincial e por este motivo o Goberno local decidiu financialo cunha parte dos remanentes de tesouraría para novos investimentos cos que se pechou a Conta Xeral de 2022. A proposta, tratada en pleno o pasado 2 de novembro, contou co apoio unánime de todos os grupos políticos.

A actuación abranguerá os 1.300 metros que separan os cruzamentos da Veiga e do Castro, en Bardaos, moi danados nos últimos anos polo uso dun tramo que é enlace natural con Santa Mariña e tamén coa parroquia valdoviñesa de Vilaboa. Ademais cómpre ter en conta que en 2021 o Concello xa reparara outros 3,2 quilómetros deste eixo -o traxecto entre A Veiga e Castrelo-, dentro dun plan a varios anos no que só faltaría por executar o tramo desde Castrelo até a Bañoca para completar con aglomerado a principal conexión interior de Bardaos e Santa Mariña coa estrada de Ortigueira.

O tramo viario que se vai reparar agora utilizará a mesma solución técnica que os arranxados en anos anteriores, é dicir, o estendido dunha capa de aglomerado bituminoso cun ancho medio superior aos 5 metros que ofreza un firme máis regular e duradeiro.

Porén, antes diso será necesario limpar a pista actual -que fará as veces de base da nova-, taparlle os baches e librarlle as cunetas de sedimentos e vexetación. A obra contempla tamén o acondicionamento dos accesos aos predios situados en ambas marxes xunto coa instalación en cada punto de tubaxes soterradas para que a auga non represe.

Todo o proxecto está orzamentado en 94.409,48 euros, impostos incluídos, e os pregos da licitación estipulan un prazo máximo de execución de catro meses. As empresas interesadas en concursar polo contrato teñen de prazo para presentar as súas ofertas até a medianoite do día 29 de novembro. Toda a documentación relativa ao procedemento pode consultarse nesta ligazón.

Share.