Empeza a conta atrás para un dos acontecementos astronómicos máis importantes que se acordan e que posiblemente vexamos na vida. Faltan só dúas semanas para a tardiña do 12 de agosto, cando se producirá a eclipse total de Sol que converterá o día en noite durante algo máis dun minuto e medio. Un auténtico espectáculo que, porén, debe presenciarse adoptando rigorosas medidas de seguridade para non sufrir danos irreversibles na vista. Neste sentido, o Concello leva varias semanas informando e insistindo na importancia dunha protección adecuada e, ademais, esta mesma semana comezou o reparto gratuíto de lentes homologadas. A distribución está realizándose, ata fin de existencias, na Casa do Concello e tamén a través de bares e establecementos comerciais colaboradores, dentro dunha campaña que ten como principal obxectivo que a observación da eclipse se faga sempre con total seguridade.
San Sadurniño encóntrase nunha situación xeográfica privilexiada para seguir un fenómeno que non se produce na nosa zona con esta dimensión desde hai máis dun século. Entre as 20:27:07 e as 20:28:42 horas do mércores 12 de agosto, a Lúa ocultará completamente o Sol durante algo máis dun minuto e medio, ofrecéndonos de balde un grandioso espectáculo da natureza que non volverá repetirse en Galicia ata dentro de 154 anos.
Ese breve intervalo será o coñecido como momento da totalidade dunha eclipse que, porén, comezará ás 19:30h e rematará ás 21:21h. Case dúas horas de progresivo ocultamento e posterior descubrimento do Sol nos que será imprescindible utilizar protección homologada para evitar danos graves e irreversibles na visión.
O Concello encargou 1.000 lentes homologadas que empezaron a repartirse esta semana de maneira gratuíta. O detalle institucional ten a función de protexer, si, pero tamén a de servir de elemento publicitario que axude a concienciar a veciñanza sobre a importancia de protexer a vista.
O reparto dálle prioridade ás persoas maiores e aquelas que teñen dificultades para desprazarse. Para facerse con elas hai que pedilas no mostrador da Casa do Concello ou nos bares e establecementos comerciais colaboradores -mentres haxa existencias-. A consigna municipal é que se entreguen un máximo de dúas unidades por persoa, co propósito de chegar ao maior número posible de fogares, tendo en conta que este tipo de lentes de protección poden adquirirse por arredor de 2 euros en ópticas, farmacias, supermercados e outros puntos de venda. Iso si, cómpre cerciorarse sempre de que, igual que as entregadas polo Concello, cumpren a norma internacional ISO 12312-2 e incorporan o marcado CE da Unión Europea.
Unha única mensaxe: hai que protexer a vista
A distribución forma parte dunha campaña informativa máis ampla que o Concello leva desenvolvendo varias semanas e que se intensificará nos próximos días coa chegada aos domicilios dun Boletín Novas no que destacan as recomendacións para unha observación segura da eclipse.
O xornal municipal vén complementar a guía práctica publicada xa antes do verán na web municipal de Turismo, a charla do profesor Jorge Mira de hai tres semanas -dispoñible na canle de Youtube do Concello– e as noticias e advertencias en redes sociais que aínda quedan por publicarse de aquí ao día 12. O propósito é que a veciñanza dispoña da información necesaria para vivir este acontecemento histórico coñecendo tanto as características do fenómeno como as medidas imprescindibles para observalo sen correr riscos.
As recomendacións de seguridade son claras. Nunca debe mirarse directamente ao Sol sen lentes homologadas, nin durante a eclipse nin en ningún outro momento. As lentes deben colocarse antes de levantar a vista cara ao ceo e non retirarse mentres permaneza visible calquera parte do disco solar. Se presentan riscaduras, roturas ou calquera outro dano non deben utilizarse. As persoas que empregan lentes graduadas deberán colocar por enriba delas as lentes específicas para a eclipse. Ademais, recoméndase facer observacións breves, de non máis de trinta segundos cada vez, descansando entre unha e outra, e prestar especial atención ás nenas e nenos e ás persoas maiores, asegurándose de que empregan correctamente a protección.
O Concello lembra tamén que non existe ningún método caseiro que substitúa ás lentes homologadas. As lentes de sol, por moi escuras que sexan, os cristais ou pantallas de soldar, os cristais afumados, as radiografías, os CDs, os DVDs, os negativos fotográficos ou calquera outro sistema sen homologación non protexen da radiación solar e poden provocar danos permanentes na retina. Do mesmo xeito, cámaras fotográficas, teléfonos móbiles, prismáticos e telescopios nunca deben apuntarse cara ao Sol sen filtros solares específicos colocados diante do obxectivo. De feito, salvo que se teñan coñecementos avanzados de observación astronómica, o máis recomendable é non utilizar este tipo de aparellos durante a eclipse para non danalos e, sobre todo, para evitar danos na vista.
Repetimos unha vez máis: en San Sadurniño a eclipse comezará arredor das 19:30 horas do mércores 12 de agosto. O momento máis esperado chegará ás 20:27:07 horas, cando a Lúa cubrirá por completo o disco solar durante un minuto e trinta e cinco segundos, ata as 20:28:42 horas. Ese será o único instante no que poderá retirarse con seguridade a protección ocular. En canto reapareza o primeiro raio de Sol haberá que volver colocar inmediatamente as lentes homologadas antes de mirar outra vez cara ao ceo. A eclipse rematará arredor das 21:21 horas.
Unha das claves para desfrutar plenamente do fenómeno é escoller con antelación o lugar desde o que se vai observar. Recoméndase visitar un ou dous días antes o punto elixido para comprobar que entre as 19:30 e as 21:21h ofrece un horizonte cara ao Oeste totalmente despexado e libre de obstáculos como montes, árbores ou edificios.
Entre os espazos con mellores condicións orográficas atópanse o parque eólico do Forgoselo (Racamonde), as Penas Louseiras (límite entre Naraío e Viladonelle), a zona do Outeiro -á saída do núcleo urbano en dirección Ortigueira-, o Pico de Ferreira, as Penas do Rei Mouro (Igrexafeita), Coto Agudo (Bardaos) e, en xeral, calquera lugar elevado con boa orientación cara á posta do Sol.
Neste sentido, o alcalde, Secundino García Casal, fai un chamamento á responsabilidade colectiva para que unha xornada que será histórica transcorra sen incidentes, empezando polo coidado da saúde: “É fundamental concienciarse de que hai que poñer as lentes de protección cada vez que se vaia erguer a cabeza para mirar ao sol. O perigo é moi serio porque podemos queimar a vista para sempre sen darnos conta e notalo un ou dous días despois, cando o dano xa estea feito e xa non haxa remedio. Isto non é ningunha broma“.
O rexedor tamén se refire á posibilidade de que ese día haxa moito movemento de persoas polo territorio á procura dun bo lugar para observar o fenómeno. “Moitas persoas achegaranse aos puntos altos do municipio para vivir unha experiencia única, polo que é importante decidir con antelación onde se vai observar a eclipse, evitar desprazamentos de última hora e conducir con moita prudencia. O Concello non dispón de Policía Local nin de agrupación de Protección Civil, e tampouco contamos con persoal para organizar dispositivos de seguridade ou regular os accesos aos distintos lugares de observación”, explica.
O rexedor pide por esta razón que se eviten concentracións innecesarias, estacionar unicamente nos lugares permitidos e non obstaculizar o paso de vehículos -pensando máis que nada nos de emerxencias-, respectar as propiedades privadas, extremar a precaución nas pistas e estradas secundarias e coidar especialmente a contorna natural. “A mellor maneira de que todo saia ben é actuar con sentido común. Se cada persoa planifica con tempo onde vai situarse, conduce con tranquilidade, segue as indicacións básicas de seguridade e respecta o entorno, todos poderemos desfrutar dunha das eclipses máis espectaculares do século nun escenario privilexiado como é San Sadurniño. É un momento que probablemente non volveremos vivir e queremos que quede para sempre na memoria por ser unha experiencia extraordinaria e completamente segura”, conclúe García Casal.
