O Concello inicia dúas obras menores, unha no centro urbano e outra no Aceiteiro

0

Ata esta semana as únicas obras en marcha por conta municipal en San Sadurniño eran as que se están desenvolvendo en Lamas para ampliar o local social. Porén, o Concello emprendeu o luns dous proxectos que, en certo modo, tamén lle insuflan actividade a dúas empresas tras case dous meses de parálise. O primeiro deles, cifrado en 4.400 euros consiste na reparación da pequena presa da Pernuda, no río Aceiteiro, para evitar filtracións e dotala dunha escala para a remontada dos peixes. O segundo proxecto ten que ver co adecentamento do noiro situado fronte ao Centro Municipal de Empresas -entre Gavín e a tenda veterinaria +Kotas- onde se está construíndo un banco feito en obra de case 27 metros de longo en dous tramos que levará unha cortina de plantas en todo o seu trazado. Esta actuación ten un custe de 9.300 euros e, igual que a do Aceiteiro, sufrágase con fondos integramente municipais. Por outro lado, a área de Servizos tamén vai recuperando pouco a pouco as súas rutinas normais. Proseguen as tarefas de desinfección en espazos públicos e concorridos e, ademais, esta semana tamén se retomou a roza das pistas municipais.

As obras no Aceiteiro estaban proxectadas desde hai tempo polo Concello e servirán para reparar a presa da Pernuda, situada ao pé do bombeo que alimenta os depósitos municipais en caso de necesidade.

A presa é unha barreira de formigón de cinco metros de longo por uns 70 centímetros de alto que ten a función de manter un nivel constante no punto de captación. Porén, o traballo constante da auga foi socavando o leito do rego e boa parte do caudal escapa por debaixo da barreira, algo que inutiliza por completo o sistema de bombeo, protexido para non funcionar se non ten auga abonda.

A solución proxectada pasa por refacer completamente a presa, que seguirá tendo practicamente o mesmo largo e o mesmo alto, só que irá mellor ancorada ao leito do río para evitar que no futuro volva haber filtracións pola súa parte inferior. O deseño inclúe tamén a construción dunha rampa de paso para a fauna acuática. A escala irá situada na parte central da presa e levará unha especie de tabiques enfrontados que minoren a forza da corrente e que lles sirvan ás troitas e outros peixes como parapetos de descanso no seu ascenso.

DSC05695-web1280x1920U50

Inicio dos traballos na presa da Pernuda

O Concello tiña previsto facer esta obra antes do remate do verán de 2019. Pero antes houbo que agardar polos permisos ambientais, logo botáronse o outono e mailo inverno e así chegamos á primavera de 2020 en que, por fin, se pode levar a cabo. Investiranse 4.382 euros e dos traballos, que xa empezaron o luns, encárgase a constructora José No Mantiñán e Hijos.

Obras tamén na zona urbana
A segunda obra que comezou esta semana -xa moi avanzada- consiste na construción dun banco de cemento entre o bar Del Palacio e a tenda veterinaria +Kotas, pasando por detrás da parada do bus e deixando no medio a antiga fonte, que conta á súa vez con bancos fundidos. De feito, o que se está facendo é prolongar a un e outro lado os bancos da fonte seguindo a beirarrúa, nun caso ata chegar aos 21 metros e no outro aos 6,50.

Os traballos preparatorios antes do encofrado consistiron en retirar a capa vexetal do ribazo dándolle unha nova inclinación. Logo cubrirase cunha malla anti herba e descolgaranse hedras desde a parte superior.

Entre o noiro e o banco de cemento formarase unha xardineira alternando fotinias e evónimos do xapón, arbustos de cores vivas que cambiarán por completo o aspecto desta zona, unha das máis transitadas do centro urbano. A parte final será o pintado en gris de toda a obra, deixando a fonte coas actuais cores gris e branca.

Do traballo estase encargando a empresa Construcciones Guerreiro Somozas por un importe lixeiramente superior aos 9.300 euros.

 

Share.