O Concello de San Sadurniño incorporará nos vindeiros días catro novas traballadoras ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), despois de rematar o proceso selectivo convocado a comezos deste ano para cubrir prazas de persoal laboral fixo de atención domiciliaria. As novas profesionais asinarán contrato de maneira inmediata e pasarán a formar parte da plantilla municipal, cubrindo vacantes producidas por xubilacións. Coas novas incorporacións, o servizo contará con quince auxiliares contratadas directamente polo Concello, ás que se sumará unha lista de contratación que permitirá cubrir os catro postos restantes previstos na Relación de Postos de Traballo (RPT) e atender substitucións por baixas ou outras incidencias mentres non se convoquen novos procesos selectivos. O Concello tamén vén de completar a promoción interna dunha administrativa que reforzará a área de Servizos Sociais, na que se integra o propio SAF.
A resolución do proceso selectivo pon fin a unha convocatoria incluída na Oferta Pública de Emprego de 2024, que permitiu seleccionar catro profesionais para incorporarse con carácter fixo ao servizo municipal. A Alcaldía autorizou xa a súa contratación, polo que nas próximas datas formalizaranse os contratos e producirase a súa incorporación efectiva á plantilla.
Segundo explicou o alcalde, Secundino García Casal, o Concello fixo un esforzo especial para acelerar toda a tramitación. O rexedor destacou que se tratou dun proceso “efectuado en tempo récord, dada a importancia e absoluta prioridade que ten o SAF para o Concello”, xa que era fundamental cubrir canto antes unhas vacantes ocasionadas por xubilacións e garantir a continuidade dun servizo cada vez máis demandado.
As novas contratacións significan que o consistorio conte con 15 auxiliares contratadas directamente como persoal municipal para prestaren o Servizo de Axuda no Fogar. Pola súa banda, o posto que falta ata completar o actual cadro -16 persoas en total-, vacante por unha xubilación recente, cubrirase mediante chamamentos á lista de contratación creada a raíz deste mesmo proceso selectivo, que tamén servirá para atender substitucións por baixas laborais, permisos ou outras necesidades ocasionais do servizo. O obxectivo do Concello é convocar proximamente o proceso selectivo que permita cubrir con carácter definitivo esta e outras vacantes que poidan producirse polo mesmo motivo.
O reforzo do SAF complétase coa recente resolución do proceso de promoción interna para dotar a área de Servizos Sociais dunha administrativa que asumirá, entre outras responsabilidades, tarefas de apoio á coordinación do propio servizo. Para o alcalde, esta incorporación “permitirá mellorar a organización interna e a capacidade de resposta dun departamento que non deixa de medrar tanto en volume de traballo como en complexidade”.
Desde o Goberno local ponse en valor que San Sadurniño sexa “un dos poucos concellos da comarca que mantén un Servizo de Axuda no Fogar de xestión directa”, unha aposta polo servizo público que o goberno local considera “estratéxica” para ofrecer unha atención “máis próxima, estable e de maior calidade ás persoas usuarias”. Só en situacións puntuais, como baixas, permisos ou necesidades extraordinarias, recórrese ao apoio de empresas especializadas para garantir a continuidade da prestación.
Con todo, o rexedor volveu advertir das dificultades económicas que supón manter un servizo que, lembrou, non é de competencia municipal. García Casal insistiu en que “a atención á dependencia é unha competencia da Xunta que non trae aparellado o financiamento necesario”. Segundo explicou, a achega autonómica resulta insuficiente para facer fronte ao custo real do servizo e obriga aos concellos, especialmente aos de menor tamaño, a asumir unha carga económica cada vez maior.
“O que nos paga a Xunta non cobre os custes; os concellos, sobre todo os pequenos coma nós, estamos afogados economicamente nun capítulo que debe ser prioritario”, sinalou o alcalde. Na súa opinión, o progresivo envellecemento da poboación fará imprescindible ampliar os recursos humanos nos próximos anos: “Fai falla máis xente, e no futuro vai facer falta aínda máis, pero para iso é necesario que a Xunta se comprometa verdadeiramente co financiamento deste servizo fundamental”.