O Concello felicita oficialmente ao Aldebarán polo seu ascenso

0

O Aldebarán-Intasa San Sadurniño de voleibol conseguiu hai tan só uns días proclamarse campión da SM2 e obter praza en Superliga, poñéndolle así o ramo a unha temporada de constante mellora que xa lle valera a empezos de ano para facerse coa segunda Copa Príncipe da súa historia. Na disputa do play-off en Valencia, o equipo local ganou con autoridade os catro partidos xogados e xa daquela recibiu centos de parabéns a través das redes sociais que, este venres, se condensaron nun agradecemento oficial por parte do Concello, quen ofreceu unha recepción oficial na honra da plantilla e do cadro técnico. 

Ao acto asistiron tanto os xogadores como o adestrador e o preparador físico, ademais do presidente do club e algunhas das persoas que colaboran na actualidade co proxecto deportivo. Secundino García -acompañado de varios membros da corporación- abriu a recepción cualificando como “unha honra” para o Concello que o Aldebarán lograse este ano a súa segunda copa e o seu segundo ascenso á máxima categoría do volei estatal “codeándose con equipos de grandes cidades”.

O rexedor lembrou que ambos éxitos se deben ao “esforzo e constancia de moita xente” que axudou a consolidar unha traxectoria “de moitos anos xogando” iniciada hai máis de tres décadas da man do mestre Manolo Seco.  García tivo para el palabras de agradecemento polo seu importante labor poñendo a semente do volei no colexio público que, á postre, suporía que “hoxe teñamos xente consagrada no volei estatal” e unha canteira que será “garantía de futuro de moitos máis éxitos”.

Secundino García comprometeu o apoio municipal para que o proxecto continúe e fixo unha chamada “a todas as administracións” para que o deporte “non quede tirado”, sobre todo en circunsancias adversas como as que se están vivindo nestes momentos a raíz da pandemia.

A mensaxe do alcalde tamén era unha chamada de atención  ante a necesidade do club de xuntar maior financiamento para afrontar o reto da permanencia na Superliga, algo que o presidente, Uxío García, tamén mencionou: “Agora toca unha fase de traballo desde a Directiva para facer este soño realidade nos despachos e poder desfrutar da Superliga como merece San Sadurniño e como merecen estes xogadores”.

O presidente  agradeceulle ao Concello o seu apoio “gracias ao que podemos ter este grupo humano de xogadores e técnicos” e volveu insistir no seu recoñecemento “á xente que colabora desinteresadamente, que tamén son parte importante deste éxito”. Entre esas persoas García nomeou -por estar presentes na recepción- a Germán Horjales, ao preparador físico Eduardo Pesci, e tamén a Pablo Pérez e Toñi Fernández, estes últimos profesionais da sanidade que se encargaron de verificar que non houbese positivos por COVID-19 entre a plantilla durante a temporada.

Os colaboradores recibiron unha cesta de produtos de proximidade e toda a plantilla levou para a casa unha reprodución do debuxo de ánimo publicado nas redes sociais durante a fase de ascenso polo artista Carlos García.

DSC00534-web1281x1920H80

O Concello agasallou a toda a plantilla cunha lámina debuxada por Carlos García

O acto de recepción oficial estivo marcado polas esixencias de prevención en canto a afluencia de persoas e de distanciamento persoal. Por este motivo só puideron acudir os deportistas e o cadro técnico, ademais de representación da corporación, os medios de comunicación convocados e os colaboradores e colaboradoras para quen o equipo tiña preparados os agasallos.

 

Share.