Pasada a carreira pedestre do domingo, San Sadurniño aínda ten máis que ofrecer en canto a deporte nas próximas datas. De feito, a seguinte proposta que nos fan o Concello e o Club MTB Biela e Chaveta é percorrer até 46 quilómetros en bici por pistas, camiños e corredoiras. Será na mañá do domingo 30 de xuño, día no que se vai levar a cabo a 3ª BTT Concello de San Sadurniño con saída e chegada no pavillón municipal. As inscricións, limitadas a un máximo de 200 participantes, están abertas ata o 23 de xuño na web da Federación Galega de Ciclismo, fgalegaciclismo.es.
A BTT é unha cita non competitiva de dificultade media aberta a ciclistas dos 15 anos en diante -desde cadete até Máster 60, ademais de elite e cicloturismo- que ofrecerá dúas rutas alternativas e con trazado superposto, unha de 46 quilómetros e outra cercana aos 30 tocando Lamas, Ferreira, Igrexafeita, Naraío, San Sadurniño e incluso os concellos limítrofes de Neda e Moeche no caso do percorrido máis longo.
A participación na carreira ten un prezo de 15€ para quen conte con licenza federativa e de 25€ para aqueles e aquelas que non dispoñan dela. As inscricións hai que efectualas a través da web da federación, onde tamén haberá a opción de que deportistas e acompañantes poidan reservar prato para o xantar (10€/persoa, e gratis menores de 12 anos).
Ademais, familias e outras persoas que veñan canda as ciclistas e non queiran seguir a proba terán como alternativa unha ruta de sendeirismo polo Aceiteiro, visitas guiadas e a posibilidade de gozar da piscina municipal a partir das 12:00h.
Malia non ser competitiva, na BTT haberá trofeos para o club chegado desde máis lonxe, para o máis numeroso, para os e as ciclistas de maior e menor idade e para o club con maior participación feminina.
Pódese obter máis información contactando con Biela e Chaveta no correo bielaechaveta@gmail.com. A entidade e a Concellaría de Deportes teñen programadas outras dúas probas para máis adiante, integradas no programa anual Sansa Sobre Rodas 2024. Son a II Cronoescalada Sanrockeira do venres 23 de agosto e a Ruta Nocturna BTT do venres 27 de setembro, das que o Concello irá ampliando datos a medida que se vaian achegando as datas.