Apuntade estes datos na vosa axenda: luns 16 de decembro ás 19:00h. Ese día a esa hora vai ter lugar na Casa da Xuventude de San Sadurniño unha charla informativa centrada na xestión dos residuos domésticos e na compostaxe, como parte da campaña que están desenvolvendo o Concello e o colectivo ecoloxista ADEGA para fomentar unha correcta separación e reducir todo o posible o lixo que se bota nos colectores. Un obxectivo que se persegue por dúas razóns: para sermos un concello máis sostible e para rebaixar tamén os custes do tratamento dos residuos que se envían a SOGAMA.
A xestión do lixo está sendo un dos temas centrais das asembleas veciñais que se desenvolven estes días nos locais sociais das parroquias. Alén de escoitar propostas e peticións, o equipo de Goberno tamén está explicando nos encontros a modificación da ordenanza reguladora da taxa da recollida do lixo doméstico, que prevé incorporar aos recibos parte da subida do prezo polo tratamento que SOGAMA xa lles está aplicando aos concellos.
A factura de SOGAMA subiu até os 108 euros por tonelada -case un 30% máis-, que San Sadurniño vai repercutir nos recibos domicilarios en menor medida -o promedio reflectido na ordenanza virá sendo un 20%-, aínda que tamén se introducen bonificacións importantes: un 10% de rebaixa segundo a renda e outro 10% que o Concello aplicará de oficio para promover a compostaxe dos biorresiduos domésticos.
De feito, o consistorio non implantará o colector marrón do orgánico polo que están optando outros municipios (o que implicaría subir aínda máis o recibo) e, en vez diso, busca que a veciñanza se conciencie e faga o que se fixo toda a vida no rural, é dicir, converter en fertilizante todos eses restos que antano -e aínda hoxe- non se lles daban aos animais.
Así, as lavaduras de comida -restos de froita, carne, peixe, pasta, pan e bolería, cascas de ovo…-, panos de papel, cartóns sen tinta -rolos do papel hixiénico ou do de cociña, por exemplo-, papel do forno, borras do café e bolsiñas de infusións… xa non se deberán botar no cubo do lixo, senón que cadaquén terá que facer compost nun composteiro individual ou comunitario, ou ben nunha pequena esterqueira nunha esquina da finca.
De como facer compost versará a charla do luns 16 de decembro ás 19:00h na Casa da Xuventude. Persoal da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) explicará a importancia de cumprir cos coñecidos como 3R -reducir, reutilizar e reciclar-, que son clave para deixar no mínimo o que se tira nos contedores, ademais de profundizar naqueles restos que poden converterse en compost e como facer na casa este tipo de fertilizante totalmente natural que logo pode usarse en plantas, morteiros e hortas.
A charla encádrase nunha campaña sobre biorresiduos e separación en orixe que se está levando a cabo coa axuda técnica de ADEGA e financiada pola Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Ministerio para a Transición Ecolóxica con fondos europeos NextGeneration. Esta acción complementarase uns días despois cunha sesión dirixida ao persoal municipal.
Ademais, a Concellaría de Axenda 2030, dirixida por Raquel Piñeiro, tamén reforzará a información sobre como debemos separar correctamente o lixo detallando que materias van en cada contedor. Tanto esta información como a relativa á compostaxe e o funcionamento do sistema de recollida irán resumidas nun boletín especial Novas que se enviará ás casas nos próximos días, “aproveitando que as festas do Nadal e Reis son un dos momentos do ano en que máis consumimos e máis lixo xeramos”, apunta Piñeiro.
Canda o boletín, o Concello tamén entregará un imán para a neveira “que nos recordará que residuos podemos compostar e cales deberemos botar nos distintos contedores”, explica a concelleira, quen recorda que o Concello dispón da ferramenta Liña Verde na súa versión web e para móbiles “onde podemos atopar moita información sobre como sermos máis sostibles no noso día a día”.