O Concello e a Asociación Cometa reeditarán este ano o seu acordo de colaboración para a recollida de cans abandonados

0

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, visitou o sábado pola mañá as instalacións da Asociación Cometa situadas na parroquia naronesa de Doso para coñecer máis de preto o labor que fai a entidade, centrada na recollida e coidado de animais domésticos en situación de abandono, ademais de ocuparse de xestionar a súa adopción e de desenvolver campañas de concienciación sobre unha tenza responsable. O Concello de San Sadurniño, que vén colaborando coa protectora nos últimos anos, ten previsto reeditar tamén neste 2023 o convenio nominativo a través do que Cometa se encargará de buscarlles un novo fogar ás mascotas abandonadas que recolla o departamento municipal de Servizos no noso territorio.

Ademais de colaborar neste ámbito, o Concello e a asociación tamén reforzarán a información á veciñanza “sobre a responsabilidade que implica  ter na casa cans, gatos ou outros animais de compañía”, comentou o alcalde. “Quen posúa un animal ten que asumir a súa alimentación, os coidados veterinarios que requira e garantir o seu benestar”, engade García, quen recorda “a obriga” de que os cans dispoñan de chip identificativo a partir dos tres meses de vida.

No encontro mantido o sábado con representantes de Cometa tamén se falou da nova lei de benestar animal que se está tramitando nestes momentos, que o Goberno local agarda poder analizar con detemento unha vez estea aprobada “para coñecer os cambios que traerá e de que maneira lle van afectar ás persoas propietarias e a nós como Concello”.

En calquera caso, a Administración local e Cometa ratificaron a súa intención de seguir cooperando “en cuestións como a prevención do maltrato animal ou o fomento da adopción antes que a compra, e sempre meditando antes o que significa ter na casa unha mascota”, indica Secundino García.

O rexedor tamén comentou que ao longo do ano, a recollida de cans abandonados lle supón ao Concello “un importante esforzo humano e económico” que, segundo dixo, “pode evitarse se todas e todos tomamos conciencia dunha tenza responsable”.

Neste sentido, o alcalde espera que “gracias á información e a concienciación”  os casos puntuais de abandono no municipio “vaian indo a menos pouco a pouco” e avanzou que para aqueles que poidan producirse “contaremos coa axuda inestimable de Cometa a través do convenio que asinaremos proximamente con esta asociación”.

Share.