O Concello e a AC Brío preparan unha celebración especial do Día do Orgullo LGTBIQ+

0

A Área de Igualdade promove o próximo 28 de xuño unha xornada de celebración das diversidades sexuais e afectivas e, sobre todo, de reivindicación da plenitude de dereitos de quen é libre de sentirse e amar como queira. Neste día -para o que aínda faltan case dúas semanas- hai programadas varias accións colectivas que se desenvolverán en colaboración cos grupos artísticos e de baile da Asociación Cultural Brío. A entidade e o Concello ofrecerán o martes e o xoves da semana que vén un obradoiro para a rapazada a partir de 6 anos -con inscrición previa- de cara a preparar algunhas das cousas que veremos nos xardíns municipais no Día Internacional do orgullo LGTBIQ+.

O programa do día 28 comezará ás 12:00h na Casa do Concello coa lectura da declaración institucional e izado da bandeira do Arco da Vella na fachada da casa consistorial. Tamén se colocará no balcón traseiro a faixa multicor.

Xa pola tarde, a partir das 19:00h, nos xardíns municipais formarase unha grande “árbore da diversidade” cos debuxos e deseños feitos no obradoiro dirixido á rapazada de 6 anos en diante que se organiza  en colaboración coa AC Brío para a tarde do martes 21 e a mañá do xoves 23 de xuño, coordinado pola artista plástica Paula Aneiros.

A actividade terá lugar no local social de Lamas e repartirase en dous grupos de 8 prazas cada un: o primeiro acudirá o martes de 16:00 a 17:30h e o xoves de 10:30 a 12:00h, mentres que o segundo grupo acudirá o martes en horario de 17:30 a 19:00 e o xoves de 12:00 a 13:30h, aínda que os horarios poden variar un chisco dependendo das necesidades dos grupos que se formen.

As prazas asignaranse por orde de inscrición enviando un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal no que se deberán achegar os seguintes datos: o nome e apelidos da nena ou neno, a súa idade, o nome da nai/pai/persoa titora, un teléfono e un enderezo electrónico de contacto e a indicación expresa de se autorizan ou non a captación de imaxes para a súa posterior publicación en prensa ou nas redes sociais municipais.

Coreografías
O resultado dos obradoiros verémolo nas actividades de tarde do 28X, que concluirán sobre as 20:00h na pista multixogos dos xardíns municipais con coreografías de hip-hop e danza estética  preparadas expresamente para esta data polos grupos da Asociación Cultural Brío e as súas mestras, Nerea Rodeiro e Sara Rodríguez.

Share.