O Concello distribúe máis de 25.000 euros en axudas para entidades culturais e deportivas

0

O Concello de San Sadurniño notificoulles o pasado venres ás entidades socioculturais e deportivas a resolución coa distribución das subvencións municipais da convocatoria deste ano, que supón un montante total de 25.300 euros.  A ela concorreron cinco colectivos veciñais e culturais e outros tantos de tipo deportivo, que percibirán as contías correspondentes segundo as fórmulas de valoración das solicitudes establecidas nas bases de cada liña. Unha vez notificadas as achegas, as asociacións e clubes teñen de prazo até o próximo 30 de decembro para presentaren a xustificación dos gastos efectuados. 

Malia que as xustificacións teñen que presentarse antes do remate do ano, cabe a posibilidade de solicitarlle ao Concello a ampliación do prazo nun mes máis por causas debidamente xustificadas -que o Concello debe aceptar- naqueles casos en que aínda falten actividades ou investimentos por facer, como poden ser os relativos a programacións de Nadal ou doutro tipo.

A xustificación debe acompañarse das copias das facturas oficiais dos gastos efectuados (e TCs se se contratou persoal) e dos resgardos das transferencias correspondentes se os pagamentos superan os 100 euros. A suma de gastos debe ser, como mínimo, a da cantidade concedida máis o 20% do orzamento presentado na solicitude da convocatoria.

Se se conta con outras axudas ademais da municipal -doutras administracións ou entidades privadas-, o importe para xustificar sairá de sumar todas as cantidades, incluída a subvención municipal, máis o 20% da axuda asignada nesta convocatoria.  Cómpre ter moi presente que o importe conxunto de todas as subvencións recibidas non poderá superar en ningún caso o dos gastos efectuados.

Nin en Cultura nin en Deportes se admitirán facturas referidas a gastos de comida. Porén, os colectivos veciñais e culturais si que poderán xustificar ata o 25% do orzamento total admitido con gastos relacionados coa compra de materiais necesarios para as actividades que organicen. Os clubes poden achegar como xustificantes tanto os correspondentes á súa participación en campionatos deportivos como os de funcionamento.

Tamén se deberá achegar toda a documentación impresa xerada -carteis, anuncios en prensa ou en redes sociais…- que acredite a participación municipal no financiamento das actividades. Os modelos de xustificación poden descargarse das ligazóns que hai ao pé desta información.

Este ano o Concello elaborou unhas bases que, como vén sendo habitual, foron debatidas no seo do Consello de Participación Veciñal, do que forman parte tanto os colectivos veciñais, culturais e deportivos, como representantes dos grupos políticos que, neste último caso, tamén integran a Comisión Cualificadora encargada de validar a distribución das axudas antes da súa aprobación en  Xunta de Goberno Local.

Para a convocatoria en concorrencia competitiva de Cultura botaron solicitude cinco asociacións veciñais e culturais, ás que se lles consignaron un total de 15.300 euros con contías distribuídas segundo as fórmulas e criterios estipulados nas bases e de acordo cos orzamentos subvencionables presentados, sen superar en ningún caso o límite de 5.000 euros de axuda. As entidades con local en propiedade ou alugado dispoñen de 1.000 euros máis, que tamén deberán xustificar, para melloras de equipamento ou infraestrutura.

Para a convocatoria de Deportes tamén se recibiron cinco solicitudes, todas elas admitidas (igual que en Cultura), entre as que se distribuirán 10.000 euros primando aquelas disciplinas olímpicas cun maior número de fichas federativas.

AXUDAS PARA ACTIVIDADE CULTURAL

Entidade

Actividade

Infraestrutura

Total

AVV Xuntanza de Lamas

1.684,76 €

1.684,76 €

AVV O Castelo de Narahío

5.000,00€

1.000,00€ (*)

6.000,00€

ANPA EIM A Rolada

1.703,07€

1.703,07€

Asociación Cultural Brío

3.516,02€

3.516,02€

AVV Adiante de Igrexafeita

1.396,33€

1.000,00€ (*)

2.396,33€

Total actividade cultural:

15.300,18€

(*) Só para entidades con local en propiedade ou en aluguer

AXUDAS PARA ACTIVIDADE DEPORTIVA

Sociedade de Caza Naraío-Igrexafeita

236,60€

236,60€

UDC Narahío

4.921,18€

4.921,18€

Sociedade de Caza de San Sadurniño

363,35€

363,35€

Club FS Santa Mariña do Monte

1.547,50€

1.547,50€

C.F. San Sadurniño

2.931,28€

2.931,28€

Total actividade deportiva:

9.999,91€

 

Documentación descargable axudas CULTURA:
Bases das axudas para Cultura publicadas no BOP (05/08/2022)
Modelo de xustificación das actividades (.pdf editable)
Modelo de xustificación de investimento/mantemento/equipamento (.pdf editable) (Entidades con local en propiedade ou alugado)

Documentación descargable axudas DEPORTE:
Bases das axudas para Deporte (BOP do 05/08/2022)
Modelo de xustificación dos gastos (.pdf editable)

Share.